luns, 28 de marzo de 2011

Uqui Cebra e Conserveiras




Uau, Uqui Permuy estrena traballo, un documental sobre as conserveiras, magnífico! quen puidera catalo, haberá que buscalo, unha vez que rematen a xira de presentacións a ver se se pode mercar, ou cecais tamén o Cgac proxectaráo, a ver se coincide nun ciclo no que eu poida estar, unha fin de semana... sopro veliña do desexo para que así sexa. Déixovos a info que me chega por mail da presentación en Compostela, pois esta da Casa de Pardo Bazán xa foi o 18 de Marzo, pero póñovos a invitación porque gosto moito da foto, coa directora filmando... Feliz comezo de semana!!!
Desde Andaina queremos convidarvos á proxección do filme "Doli, doli, doli...coas conserveiras. Rexistro de traballo"  31 de Marzo ás 19:30 h no Centro Sociocultural O Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago de Compostela). Contaremos coa presenza da propia directora e da avogada laboralista Luz García Vigo.

 Doli, doli, doli… coas conserveiras.
Rexistro de traballo.
Longametraxe documental dirixida por Uqui Permui, gravada durante o 2009 e 2010. Co apoio da Agadic.

En 1989, preto de cen mulleres pecháronse na fábrica de Odosa, catro delas en folga de fame, como protesta ao peche inminente da fábrica de conservas ODOSA, na Illa de Arousa. Mentres estiveron pechadas gravaron un documental contando o que estaba sucedendo. A partir dese material, realizouse este documental que narra a historia contada polas mesmas protagonistas, mesturando pasado co presente.

Co relato podemos facernos unha idea do traballo nas fábricas de conserva e a relación laboral das mulleres. Rexistro de traballo pretende deixar constancia do traballo destas mulleres das que, cando a fábrica ameazaba con pechar, non apareceu testemuña documental de que levasen trinta, e algunhas corenta anos empregadas alí.

Son mulleres que denuncian como o traballo das conserveiras se considerou sempre un complemento do salario do seus compañeiros e non un salario en si mesmo, aínda que moitas vivan elas e os seus fillos unicamente deses ingresos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario