xoves, 7 de maio de 2009

Na procura do santo "esperanto"


ESTAS VERBAS SABIAS DE HELENA GONZÁLEZ SON BANDA SONORA PARA AS CONVERSAS TRAVESAS QUE TIVEMOS ESTES DÍAS COS NOS@S AMIG@S EUSKALDUNES/AS...nós riamonos, pero...



[...] Mais nesas andamos, convertendo a palabra liberdade nun farrapo nas bocas neoliberais e facendo da escola un pandeiro. O goberno da Comunidade de Madrid encheu as televisións cun spot das súas escolas en español-inglés e Esperanza Aguirre, no ton habitual, afirma que quere que os madrileños sexan bilingües, iso si, cun bilingüismo que non significa unha defensa do coñecemento de linguas senón apenas unha claudicación do monolingüismo imperante diante da presión globalizadora. Non sei de ninguén que defenda o coñecemento do galego como unha elección excluínte, senón como unha suma de linguas e, tal como evolúe Babel, unha boa educación trilingüe (galego, castelán e mais unha lingua estranxeira, polo menos) prepara cidadás e cidadáns para os tempos que veñen, porque aprender linguas non é unha mostra de discriminación senón unha maneira de abranguer e comprender o mundo no que vivimos. O inventario de razóns é longo. Cando rematan os argumentos sempre queda unha dúbida: por que será que algunhas nais e pais de Galicia Bilingüe desconfían tanto da capacidade de aprendizaxe e coñecemento crítico das súas fillas e fillos? Desculpen a dúbida, será que fun educada na consigna popular de que o “saber non ocupa lugar”.

Convirá reler de vagariño a Ramón Piñeiro e as súas reflexións sobre a lingua, e sobre todo saír á rúa, participar nos actos e manifestacións previstas para o 17 de maio, para que se oia o que pensa a sociedade civil contra a derogación do decreto do galego, porque, como escribiu Xohana Torres, “se ardemos, sopra o vento”. E habemos arder, a prol do galego, en Compostela e nas Ramblas de Barcelona. Boa semana e boas lecturas.


Texto completo no seu blog DAS ORIXES DE MARZO




[fotiños roubadas]

Ningún comentario:

Publicar un comentario