martes, 12 de maio de 2009

O libro das caras terá folliñas no medio das páxinas


Cando me decatei de que non saudaba a un coñecido -por timidez, penso- nun cumpreanos, co que falara fai pouco de xeito virtual; cando me importou un comentario de alguén co que fai máis de 7 anos que non falo; cando reatopei a amigas da infancia coas que tiven algún roce, e por sorte a outras coas que non, e me atopei facendo o estraño exercicio de imaxinación de se ten sentido falar tantos anos despois, en lugar de que pertenzan ás miñas lembranzas máis puras e non a un presente adulto e cecais distanciador...
Cando comecei a decatarme disto... decidín sair pitando deste monstro de boca grande chamado facebook.

E como me foi imposible atopar como dar de baixa a conta!!! (e isto reforzoume en que facía ben correndo sen mirar atrás), escribín nun buscador ---dar de baixa a conta de Fb---- e atopei este artigo na revista colombiana Arcadia: "LA VERDAD SOBRE FB".

En fin, nestes mesiños que fun usuaria do Fb -algo que por certo comezou querendo ver as fotos que unha das miñas curmás me enviaba- nunca deixei de preguntarme que facían os meus datos persoais voando por aí, pero dicíame a min mesma que coas/cos amigos/as de lonxe era xenial... (pero seica non estaba para iso o email?). Agora, ó andar como unha tola buscando o lugar pra eliminar a conta relín as condicións de alta e non o perdades: esíxenche que tódolos datos persoais sexan certos!

En fin, boa noite e bos paseos ó ar libre, como sempre dí o meu benquerido Alberto Augusto Miranda!!!



Axiña e para completar esta entradiña co mentolado olor do eucalipto, falarei da fermosa política ecolóxico-vital de Teresa Moure, da que me estou a enchoupar estes días...


[Fotiños coas que me presentaba antes da miña morte social, jeje]

Ningún comentario:

Publicar un comentario