luns, 19 de setembro de 2011

As nosas pegadas

E este sábado xs compas de A porta verde, presentan o noso derradeiro proxecto en Vigo. Quen puidera voltar... se andades por aló xa sabedes. E se non, sempre nos quedará o libriño. Andade atentxs que comeza a nova xira de "a porta..."
 
 
 
Presentación de Pegadas e máis!
 
A Porta Verde do Sétimo Andar informa
da presentación de "Pegadas" en Vigo:
en A Cova dos Ratos (Romil, 3)
Sábado, 24 de Setembro ás 21 h.
 
Será un acto poético, colectivo, aberto e participativo, no que se considera especialmente importante a presencia e intervención das persoas que sodes parte deste libro deixando as vosas pegadas creativas no espazo aberto que compartimos. Estades tod@s convidad@s!
Vémonos pois na Cova!  37 apertas!
 
Aurelino Costa, Asun Estévez, Alberto Augusto Miranda, António Pedro Ribeiro, Baldo Ramos, Miguel Ángel Alonso Diz, Bruno Miguel Resende,
Artur Alonso Novelhe, Fabián Barreiro, Lino Braxe, Lois Magariños, María Elvira Millán Liméns, Concha Rousia, Alberte Momán, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda Aldrei, Marília Miranda Lopes, Manolo Pipas, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Virgilio Liquito, Susana Pazo Maside, Fátima Vale, Alba Méndez, Marta Pedrosa Agra, Eva Méndez Doroxo, Alfonso Láuzara, Xosé Daniel Costas, Xoán’ma Rial Rodríguez, Miguel Alonso Fernández, Pilar Mera Costas, Lucía Novas, Ana Cibeira, María N. Soutelo, Rosa Enríquez, José Fontes Novas, Xavier Vásquez Freire, e Xurxo F. Martins.
 
***
Co suxestivo título de Pegadas, os responsables do selo A Porta Verde do Sétimo Andar publicaban non hai moito unha nutrida antoloxía de poesía actual na que reunían algunhas das máis interesantes voces da escrita lusa e galega do momento.

É traballo abondo complicado tentar resumir en poucas liñas o espírito que anima a trintena de creadores participantes, entre outras cousas porque por estas páxinas desfilan poéticas do amatorio, o contestatario, o neosurreal cotiá, o simbólico-alegórico, o sentimental, o patriótico, o absurdo, o extático ou o transreal, entre outros territorios líricos.


Nada teñen que ver, pois, as estéticas dun Alberto Augusto Miranda ou un Baldo Ramos coas dun Alberte Momán ou unha Lucía Novas, en pouco converxen un Aurelino Costa, un Ramiro Vidal ou un Lino Braxe cunha Ana Cibeiras, un Lois Magariños ou unha Rosa Enríquez e outro tanto podería dicirse de todos e cada un dos poetas representados —que aparecen exhaustivamente etiquetados ao final desta entrada—, posuidores de fórmulas moi dispares que van dende a prosa poética ata o haiku, pasando polo poema en prosa, o poema visual ou o verso rimado, con universos referenciais e mesmo lingüísticos tamén complementarios (portugués estándar a canda galego oficialista e reintegrado).


Un mosaico verdadeiramente heteroxéneo e representativo de tendencias e autores este Pegadas, que convén ler se se quere estar ao día da máis labrada verba de aquén e alén Miño.
 
 
Armando REQUEIXO

Ningún comentario:

Publicar un comentario