venres, 18 de novembro de 2011

Pintalabios en Couceiro



AQUÍ vos deixo as palabras de Antía sobre o meu libro, estivemos en Couceiro (Compostela) o mércores pasado, 9 de novembro  presentándoo, e qué bonito foi. Mil grazas a Antía e a David, de Toxosoutos. 

*


o mércores 9 de novembro tiven o gusto de participar na presentación do poemario PINTALABIOS de Ana Cibeira, editado por Toxosoutos.
aquí o texto de presentación sobre o libro:


Elección: palabra de inicio e peche

a) Saudarte entre as páxinas
Un acto íntimo. Un xesto. A man movéndose en forma de dobre arco. Trazando a composición no aire, coma as ás dunha cotobía. E por debaixo un semicírculo perfecto, quizais, só rebentado polas marcas do frío, polas peles que van sobrando en novembro e que unha decide arrincar cos dentes. Un acto íntimo como a lectura. Como pasar as páxinas dun libro tan forte coma delicado. Deixar as pestanas no papel e tintarse a boca co Pintalabios de Ana. En novembro. Dentro dun coche. Acompañada só polo lixeiro son da calefacción. Aparcada nalgunha rúa da cidade mentras fóra chove e ti debullas imaxes.

Porque non hai poema sen imaxes nin lectura íntima sen soidade….quero darche as grazas como lectora, por todas esas palabras sinceiras que confesan e presentan, que falan ao escoito, directamente como se non houbese outro “ti” que o que le:

“ Se nacera serpe, sería bailarina
ofrecendo o corpo partido
por unha lanza de luz dura.

Pero crieime nesta rexión
habitada de voces
buscando un fogar
dende o que derramarme
cal chuvia que morde
a nube máis esponxosa”


b) Un pantone para a boca
Sabes que na Vogue din que neste outono 2011 a tendencia é levar os beizos pintados dun forte vermello?. Un vermello escarlata que rememora a Marilyn Monroe pero “cun look máis romántico, máis doce e sen estridencias”. Xogando aos subtextos entendemos que a Norma Jean entrada en anos, bébeda e aficcionada aos barbitúricos non lle gusta a Dolce&Gabana. A Marilyn baixada do Olimpo que, con quilos de máis e a cara cansa, actuaba en Vidas Rebeldes non lles serve aos profesionais da moda. Os mesmos que aconsellan que se eleximos pintar os beizos debemos compensar o protagonismo do vermello cunha maquillaxe discreta, neutra e incluso ir sen ela nos ollos e na face.
É dicir, elexir entre a cor dos ollos ou da boca. Decidir onde prestar a atención. Nunca dous focos á vez….
Se a ollada vai cargada…. a boca espida
se a boca vai pintada……..a mirada baleira.
Cuestión de saber decidirse. Elexir sobre o propio corpo baixo as reglas do Vademecum da moda…

Ante isto, Ana escolle a Guerrilla, a mestizaxe, o punk:

Burbulliñas de rimel
co que afirmo a vida mestiza
pecando de rouge ou de suicida?


c) Definindo territorios
Unha vez preguntáronlle a Maruxa Mallo, a pintora vangardista, surrealista e moderna do século vinte, o motivo desa obsesión súa pola maquillaxe. A orixe desa decisión de retratar toda a cara botando polvos de arroz na pel, pintando os ollos de azul turquesa ou verde esmeralda, tintando os beizos co máis vermellón dos pintalabios…..
Maruxa riu coma unha pícara e, coa intelixencia dos que saben dirixir a língua ao centro da diana, comentou que ela o único que facía era seguír as teorías que as civilizacións máis avanzadas xa comezaran había miles de anos: saber que a cara lavada está desdibuxada. Ser consciente de que en Mesopotamia e en Exipto a maquillaxe era empregada para enmarcar os rasgos, alumear o mapa da cara con territorios definidos e otorgar identidade.

Así, debuxando os rasgos como a pintora, Ana tamén coloca as cores da maquillaxe sobre a tabla e recórtaas en collages elegantes, sutiles e suxerentes na mestizaxe do seu idioma:

“ Preparo un íntimo collage
con ventre de canción:
ceriña olorosa e tea a lapis
verniz de celofán, pelo da pollina
teipe estampado de escarcha
e unha trenza de corda”


d) Guerrilla Girls
Se ben a Historia da Arte recolle a Picasso ou a George Braque como inciadores do collage cando se lanzaron a introducir nos seus cadros recortes de xornais e revistas, etiquetas de licores, de cigarrillos e papeis coloreados…..Ana elixe outros referentes á hora de compoñer as súas pezas. Nomes como a alemana Hannah Höch, a única muller que participou no movemento DADÁ e que empregou a fotomontaxe e o collage para presentar “a muller nova” e denunciar a unha sociedade machista e misóxina…..ou a cineasta belga Chantal Akerman que nas súas películas nos fala da súa mirada ao redor da identidade, a sexualidade, a memoria, o persoal e o político.

Dirt foi o clic de Chantal Akerman
para filma-lo deserto/ a fame/ a mafia,
a guerra diaria que preserva o interior
desta América fortificada.

Unha maneira de estar no mundo ao redor do diálogo que a arte mantén co activismo, coa guerrilla e que Ana tamén explora noutros formatos como son o seu blogue ou os fancines nos que participa.

e) Eu tamén che escribo unha Postdata:
Postdata

Ana escribe Pintalabios e mostra unha maneira de estar no mundo. Un xeito de posicionarse na escrita e na vida. Unha chamada ao presente, á linguaxe clara, ao aquí e ao agora.
Un mundo de declaracións e exclamacións.
Mais como todo debe ter un remate, Ana, pecha a obra cunha última palabra.
Unha palabra valente e presente en tódolos creadores e creadoras que afrontan o seu traballo dende a mirada contemporánea e que, Ana, escribe como colofón sabéndose raiña de varios mundos, de varios rexistros e posilidades onde moverse.

Se collen o libro entre as mans e buscan no final da Postdata, verán a palabra da que falo. Unha palabra comprometida onde as haxa, remarcada por un signo de exclamación.

…. Se teñen o libro diante poden buscala e…. senón dígollela eu:

a palabra é ELECCIÓN



texto.- Antía Otero. Novembro 2011

foto.-Libraría Couceiro

2 comentarios:

  1. que bonitas e certeiras as palabras de antía!

    ResponderEliminar
  2. Anónimo5:26 p.m.

    Queridas ana e antia grazas polo estupendo momento de couceiro. Tita

    ResponderEliminar