xoves, 31 de maio de 2012

Utopías actuais...

 Esta é unha forma de convivencia cidadá baseada na complementariedade entre todos os seres vivos. O Vivir Ben parte da idea de comunidade fronte ao individualismo occidental e deixa de lado a mercantilización do mundo e a súa visión utilitarista. Neste sentido, contraponse ao Vivir Mellor a custa do outro, asume a responsabilidade coas xeracións futuras e defende unha economia para a vida asociada á sustentabilidade humana e ambiental fronte a orde económica dominante baseada na devastación das trasnacionais e na acumulación ilimitada. A soberbia Europa moito pode aprender deste novo paradigma, pois propón unha saída de esquerdas para as diferentes crises que padecemos. O Sumak Kawsay xorde como unha reflexión interna a partir das innumerábeis loitas que as organizacións indíxenas levaron a cabo. Esta cosmovisión converxe coa revalorización dos coidados e a crítica ao concepto de crecemento que fixo o ecofeminismo. Tradicionalmente as mulleres foron responsábeis do mantemento da vida e do coidado das persoas máis vulnerábeis (crianzas, anciás e doentes), o que ao mesmo tempo lles permitiu desenvolver unha subxectividade relacional máis afectiva e atenta ás demais formas de vida. Se queremos unha sociedade máis xusta, é imprescindíbel reinvindicarmos a economía do coidado e, ao mesmo tempo, universalizarmos  a súa ética até a levar á esfera pública e tamén ás relacións internacionais. Que outra maneira hai para construír a paz, se non é fortalecendo a soberanía política, económica, alimentar e enerxética dos pobos?

Máis aquí



Ningún comentario:

Publicar un comentario