Páxinas

domingo, 16 de novembro de 2014

Everything is possible


De 11 a 22h pensamentos atropelados. Para iso buscaría un papel. Para anotalos embaixo. Soterralos. Deixar que a miña mente descanse. No traballo facemos unha selección de libros sobre o contaxio. Penso en Virus. Penso nese longo poema que saiu en Papilas. Logo pasan as horas. Súo a camisa, non saco o xersei. Teño medo do ar frío. Moitos clientes respiran a un tempo. Tes este título? E iste outro? Moreas e moreas de papiro esperan a ser o seguinte en ir descansar á casa, á estantería. A sala énchese de carbono, sego a suar, non anoto nada. Non saco o xersei. Penso moitas veces no que se dí: como vén un ao traballo dio todo. Este xersei de folerpas tecidas en lá grosa e fosforita di que quero quedar na casa. PERO QUE SE ENTEIREN TODOS, en amarelo chillón. Quentiña. Lendo. Quedar lonxe de todo. A lectura ha de ser do XIX. As bolas do xersei atropeladas. O negro tinta do fondo. Os clientes que espiran un ritmo nada natural. Quero crer que o incrible é posíbel: sair do traballo con folgos para poñerme a escribir despois de cear, ás once e media da noite.


Ningún comentario:

Publicar un comentario