sábado, 25 de outubro de 2014

"Esferografías" de VVAA, Editorial Lastura

Aquí vai a  reseña da antoloxía Esferografías (Lastura, 2014) que está composta por poemas do Grupo Bilbao de poetas galegos en Madrid. Esta recensión vén asinada por Vicente Araguas (él mesmo poeta participante no libro) e foi publicada o 19 de Outubro no suplemento "Nordesía" do Diario de Ferrol.
 Aquí vola deixo.
Que non bilbaínos, claro, que eu ando a falar desta tropa que se xunta cada mes no Café Comercial da madrileña Glorieta de Bilbao. Si, onde estaban aqueles “pocitos de nieve”, dos que xa falara Don Benito Pérez Galdós (quen soubera do atentado mortal contra Don Juan Prim y Prats entrando, ou saíndo, do devandito café, días de decembro de 1870, pois). Pociños da neve para manter fresquiños os beberetes no duro estío madrileño, antes de que se inventaran as argalladas refrixeradoras que hoxe coñecemos. Para estes veráns mesetarios, cando os tertuliáns do Comercial saímos a fume de carozo camiño de outras derivas.
Pois ben estas tertulias (hai quen lles prefire chamar faladoiros) foron ocorrencia do moi bulidor e argalleiro Xavier Frías Conde, que é (“just for a change”) quen coordina o libro que hoxe teño diante miña. Esferografías (Lastura, Ocaña, Castilla-La Mancha, 2014).
Trátase dun volume nada voluminoso, fermosamente maquetado (e maqueado, permitáseme o coloquialismo), que insire dez poetas dos habituais (uns máis que outros) no café que rexenta a familia Contreras, frecuentado por Don Antonio Machado, veciño del poisque a súa derradeira morada madrileña fora na Calle General Arrando, a unha carreiriña de can da Glorieta.
Eu quero dicir, facendo lóxica omisión de quen isto asina (tamén presente no libro, cun avance ou “tráiler” da súa “work in progress”), que aquí hai poesía, e en xeral, poesía boa. Atopamos no libro donas como Luz Pichel, unha das grandes do momento galego, Ana Cibeira e Verónica Martínez Delgado, transgresoras e revoltadas, ou Begoña Regueiro e Montserrat Villar González, música ben temperada en ambos casos, máis de interiores a primeira, cousa salgada e con maruxías, pois, a segunda. Entre eles, Xavier Frías, pai do invento (e aínda dos inventos), erotómano para o caso, cal esa cuncha que ven sendo en checo, lastura, precisamente.
E tamén Luis Luna, autor desta volta duns prosemas (que diría Ángel González) con fondo e forma, enxeño e sabedoría. Logo está Manuel Pereira, a afondar en si mesmo nun xogo de espellos orixinal e senelleiro (cal o oficio poético, por el tan transitado). E, por fin, Rafael Yáñez, glamuroso eexacto, poeta de longo percorrido que se insinúa detrás dunha poética que opera baixo mínimos; moi gratificante xa que logo.
Quixera dicir tamén que, a risco de semellar da Confraría do Santo Reproche, que vai sendo horas de que muden as cousas para os que escriben (escribimos) en galego fóra de Galicia. Que se vexa que esta tropa tamén existe. Que por moi pouco doado que sexa pronunciarse en galego entre Fuencarral, Luchana, Sagasta e Carranza (os límites de Bilbao, lástima fora), isto é o que hai. Un choio fermoso o de Lastura, baixo da man comunada do Frías e de Lidia López Miguel. Pois.


Vicente Araguas


Ningún comentario:

Publicar un comentario