Páxinas

domingo, 8 de maio de 2011

A noite, ese astro




Because a wound to the heart
is also a wound to the mind

LOUISE GLÜCK, Ararat


Nin memoria 
nin esquezo:
estrañeza,
coma quen 
de socato 
vive 
nun lugar 
que se move
sen límites
e sen rumbo
fóra 
do pensamento.

*


[...]
nada xira arredor do sol


brilla un gume que a neve non oxida.


*

[...]
caen flores
vestidos baleiros do seu nome
baten no soño
con ferramentas descoñecidas
os golpes a encarcerar o azul
no lume xeado a esperanza
esa montaña que se dobra
na pel dos lobos
na onda derradeira dos seus lombos
contra o cristal contra o cristal contra o cristal


*



A tarde sente ao cabo o seu brazo longuísimo
como un ser que se entrega vivo aínda
de bocas e de puños. E xa todo
se acaba coa inclinada suavidade
dun anxo.


*


Os lobos ouvean baixo esta pel:
traen fame e osman
un rastro de amor ferido.


*


TEZO con horas de alfinete
un tempo de esperanza contra o río que nunca volve,
contra o ouveo solitario dos meus dedos.


*


TAMÉN se me abre nos pulsos
Un desorde de inacabables dimensións
E vou rodando polas horas baleiras
Esnaquizada en segundos que xamais
Regresarán ao círculo


*


IDÉNTICA a todo canto vive
A morte


*

De xeonllos
Neste templo

Lentamente
Escribo

As raíces


*


A túa imaxe
Inscrita
Na súa diferencia

E non sabemos
Discernir esa luz


*


As augas míranme estrañadas.
Estes os seus ollos
Que aínda non me poden ver

*


Nin as louras palabras
Do anxo da noite
Acertarían
Na desviación
Que leva ao soño


*


abrir o canto o seu deserto
deixarme alí para buscarte
en min cadela desvalida
a roer o óso duro e cego


*


CRAVAR as brancas rosas
até o fondo do labio
como unha leve venda
protexendo o escuro.


*


tiven un soño
no que aparecías
a penas un instante
e abondaba


*


Ti:
un movemento
da lingua.
[...]


*


QUE sabe o corazón
do que lle sobrevive?


*


soa está a auga e bébeme os ollos
é veleno é veleno


*


Que a memoria                 ese coitelo


*


PARA ónde a túa luz
Desaloxada
Se aquí só hai dentro



Eis a beleza de A frecha azul do teixo de Eva VEIGA. Uf... sen verbas!



[cadro: eva v. e foto miña- o retiro madrileño esta primavera; a cita que abre os versos recollidos é unha cita ó prólogo de Teresa Seara na edición do libro de Espiral Maior]


Ningún comentario:

Publicar un comentario