sábado, 5 de febreiro de 2011

Xeométrico tesouro de psicodélicas ás ou Os domingos, algodón de azucre




Se a fin de semana pasada eran as praieiras, este sábado deu como froito un tesouro con maiúsculas, unha xoia da poesía apta para facer soportábel calquera lectura desangrada da Plath, calquera obsesiva fraca que escrebe o que as histéricas marabillosas non damos en extraer da mina picada que é escribir porque non cavamos nen a metade de horas, apta para aturar calquera malintencionado poema-postureo que se coa nas moitas horas da internet que deberían ir baixando cal pingas que se extinguen caendo cada vez máis lentamente até desaparecer... .. .
*
Incrible cada Parallelogram(s) de LINDA PERHACS: un mundo que te enfronta coa crúa realidade de como seguir creando cando xa vai tanto que outras, outros o fixeron mellor... así é este disco que nos deixa a todxs á altura do betún máis espeso... pero logo están os Teodoros auténticos do mundo que andan a pensar que son uns copións porque se gravan a si mesmos tocando a batería sobre o seu  grupo favorito (Discharge para máis sinais) xuntándoa despois con voz e guitarra, pero conseguen así un son único e unha proposta arriscada e bela onde as haxa: arriscada porque ás veces pasamos por alto que a beleza está máis preto do sinxelo (traballado) que do enrevesado dos nosos descursos (mea culpa!); están os  Atomizadores do mundo, que cando unha pensa que sabe d'onde beben, reviven ós anxos -eses que nunca baixaran aquí- cun acorde de ukelele alado coa única actitude posíbel neste mundo apocalíptico, a persoal e intrasferíbel da liberdade como tema nunha fusión total de ética&estética herdada do punk ou máis ben pertencendo sobre todo a el; e tamén están as Liddell, as Angélicas, que se definen como "unha merda con pretensións artísticas" pero devolven o xénero teatral á fonte da poesía viva da que naceu... si, aquí están as que che lembran que hai que seguir porque aí embaixo está a cristalina beleza que dará sentido ó cotiá, a que trocará gama de grises por paleta de texturas tornasoladas, e amosará que o crisol do arco da vella está feito do mineral máis duro... ou do mineral máis brando... Aquí vén este exército de anxos rozándonos coa maxia das súas plumas, coa arte como única arma contra a crueza, a dor, a diferenza, a norma.

Pois deste tipo de creadores é a Linda Perhacs, a rara avis que vos presento neste domingo de lecer, ideal para as que amamos a(s voces de)  madeira e as distorsión da mirada, para as que saímos nas fotos sempre de perfil, e a erótica do poder nos vira a face mentres nós sorrimos ó tempo que esquecemos xa as súas ligas chamativas, os seus muslos apetitosos que no seguinte palpabrexo noso comezan a desintegrarse irremediábelmente...

*

Aquín Linda de no 2007!

Ningún comentario:

Publicar un comentario