xoves, 20 de xaneiro de 2011

Cólledevos forte






Para M., ela ben sabe por que



Esta canción sempre me levará a elas, esta canción sempre será cobrar sen pausa a unha ringleira de clientes á que non se lle ve a cola, que a ritmo de martelo aterrador váisenos achegando sen pausa, con miradas de esguello primeiro e de espanto cando unha de nós alonga os fíos-os dedos, un fino brazo dobra a súa lonxitude de goma ata a rodeliña do volume para darlle velocidade á música mentres as demáis e o outro brazo da intrépida teclista seguimos golpeando números xa non ao paso das asasinas miradas senón ó da ledicia dos coriños deste feixe de mozos que nos trasladan a unha morte segura á que nos encamiñamos pisando o acelerador co noso pedaleo conxunto baixo o mostrador, felices cal perdices.
Estes foron uns días despreocupados onde no curro caseque eramos unha, onde a menos pensada traspasou a fronteira da fin do contrato e se converteu nunha amiga, nunha persoa á que coñecer e ver medrar (e vaia se medra!) coa que compartir palabras e tolerías nouturnas  -ó menos no conto do reverso do día- ...todo isto se me vén á mente chea de orguio e morriña cando a vexo en Paris, sorrindo nas fotos, namorada e premiada (literariamente), siiiiiiiiii; ela, que sempre me caeu ben aínda cando non a coñecía de nada, ela, coa que moitas mantiñan distancia e outras proclamaban o seu odio ás costas: sería polas súas preciosas (e amenazantes) tetas grandes? Ela, que parecía a máis pequena de todo, fráxil porque non poñía o seu don en práctica nesas catro paredes na que milleiros de diarios clientes extranxeiros se botaban enriba do que parecía unha barra para pagar... as súas gaitas. Cando saímos daquela caixa de mistos puiden ver á nena de ollos grandes e pel ultrasensible que tiña diante, e sentir como expandía a súa maxia ata arrincarme bágoas (e non só polas birras) no camiño de volta á casa. Fálovos dunha de poucas que andan por aí -unha histérica marabillosa que diría unha boa psicoanalista- co corazón retorto e o sentido e a sensibilidade unidas ó paso dos tempos, como unha avoa inmortal, unha muller invencíbel que leva escrita a súa xenealoxía nos poros e escribe a de tódalas relacións que habita, porque non pode evitar humanizar todo o que toca, e dotalo de eternidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario