martes, 25 de maio de 2010

O faro tóxico (sobre Xoguetes póstumos)

A RESEÑA DE LUPE GÓMEZ SOBRE O LIBRO DE EMMA E UN CHIQUIÑO MEU, Xoguetes póstumos! que bonita é!


DESPOIS DA MORTE
23.05.2010
LUPE GÓMEZ


Creo na resurrección dos corpos e das almas. O cura de Fisteus crucificouse durante a semana santa, pero despois de sufrir moitísimo, el reapareceu no mundo sen barba, co pelo cortado e cunha expresión de felicidade na cara.


Que sucederá despois da morte? Ese misterio move todas as preguntas e todas as respostas. A morte é como un motor que nos fai andar, soñar.

As persoas honradas resultan case invisibles mentres están vivas, e despois de morrer reciben todos os honores, todos os recoñecementos. Os escritores viven na miseria durante toda a súa vida, e despois de mortos convértense en persoas importantes. Na morte hai un campo de fútbol, hai porterías, hai unha pelota. Os mortos xogan, marcan penaltis, fan trampas. Existe nese espazo luminoso da morte un xornalista que anuncia os goles como se estivese experimentando un orgasmo. Hai mortos que son do Real Madrid e outros mortos prefiren o equipo do Barcelona. O fútbol reina no mundo dos vivos, e tamén reina despois da morte, porque é unha paixón pura.


O xoguete é un concepto imprescindible e toma o seu máximo valor no contexto do desenvolvemento humano. Os mortos teñen videoxogos e flipan moitísimo porque se conectan con todas as galaxias. As mulleres mortas xúntanse todas as tardes nunha cafetería que está situada fronte ao mar, e xogan ao parchís para pasar o tempo e divertirse. Antes os xoguetes eran artesanais e agora están fortemente influenciados polo mundo do mercado. Os nenos mortos xogan aos xogos que son anunciados na televisión. Está prohibido xogar a cousas espontáneas, libres. Están prohibidos os afectos.


Eu lembro xogar a facer flans de terra. Para que os flans saísen moi ricos e moi saborosos, a terra tiña que estar mollada e achegarlles consistencia a aqueles postres marabillosos. Cando estabamos mortos, comiamos unha tortilla de herba e unha empanada de fieitos, e o postre sempre era un flan de terra, feito con todo o cariño e toda a paz do mundo. Era un xogar totalmente orientalista, telúrico. A infancia convertíase en morte primeira, total.


Faro tóxico



A muller-mapa decide saír do seu faro para compartir os seus versos coa xente. A muller-mapa carga co peso do mundo enteiro nos seus ollos, na súa cabeza. Chega ás librarías un fermoso poemario de Emma Pedreira, con ilustracións de Ana Cibeira, titulado como "Xoguetes póstumos". O faro é tóxico, definitivo? Existe vida despois do faro? Este libro gañou o III Premio de poesía erótica Illas Sisargas. Hai poemas coma este: "Fóra da casa, outra casa de cristal chamada vento". O faro constrúese a si mesmo no momento da destrución fatal e orixinaria. As palabras poden ser tóxicas porque están debuxadas cun acento forte, cunha medida íntima do tempo.


A nena-soño escribe, para a muller-mapa, un texto-carta que di así: "Atada estou a esta voz de tinta, a este faro en ruínas premonitoriamente, de xoguete na man xigante do que regresa e esgaza." Emma Pedreira constrúe os seus poemas como se estivese xogando cos piratas e coas pantasmas. Tira botellas ao mar para que alguén, nalgún lugar afastado, escoite os ecos dunha voz ferida, fonda. A súa escrita ten un poder totalmente magnético, porque consegue atravesar a morte das cousas queridas. O erotismo é unha actitude valente nun mundo totalmente frío e mecánico. O erotismo é un lume que arde pouco a pouco. A muller-mapa dille ao bosque: "Cíclica e palíndroma ábrome na miña fechada ferida fonda. Fuxo en por min. Cruzo sen mirar. Atropeladamente".


Xoguetes póstumos
Ilustradora: Ana Cibeira
Edición: 1ª ed., 1ª imp.
02/2010
Caldeirón
64 p. il. 21x16 cm
rúst.
821.134.4-1 - Literatura gallega. Poesía.
10,00 Euros

Ningún comentario:

Publicar un comentario