luns, 19 de outubro de 2009

Con tinta de sangue


Fai días que alumea unha veliña no meu cuarto, eu que son tan pouco dada a elas, e hoxe souben por que. Chegan á par a forza de Angélica falando de Juárez e a carta de Nuestras Hijas de Regreso a Casa que anuncia a decapitación dunha activista e de novo a total impunidade, o cego silencio e o negror profundo da cidade.
Convócannos, acenden unha veliña nos nosos corazóns sempre quentes, sempre arroupados, e volven berrar neles, abríndoos, guindándolles unha cruz diante, unha cruz real, unha cruz de pel, unha cruz de pel humanA.
E de novo repítese a historia.
Por iso doulle voltas a todo por ver qué podemos facer e nisto que a chamiña móvese, alóngase, treme porque un libro entra no buzón: vento de verbas, puñetazo salgado que me fai sangue que se mestura coa tinta. E mancho negra o resto da noite. Poemas que poden levantar unha árbore. E a miña admiración total por quen o firma. Humedecendo o cristalino o libro pide: imos recitar o nome de cada unha baixo a lúa. Alto e claro a modiño o nome de cada unha. E mancho negra o resto da noite.



Sinaturas e máis información: http://www.mujeresdejuarez.org/

Ningún comentario:

Publicar un comentario