venres, 18 de setembro de 2009

"A Melancholic Time Travel"



Ó fin nas miñas mans! Grazas por tanta beleza, N.!



tódalas fotos ©frosk.org
agás a do libriño que é miña!

luns, 14 de setembro de 2009

14 de Agosto exquisito


"Por tí mi mano de mortal materia

ha tocado los dedos..."


PEDRO SALINAS



Atravesar todas as terras mortais para fundar un porto,

facer unha volta ao veludo negro deste lazo

e pousar os beizos no mural de Lugrís.

Agárdante entre perrier e soños dourados sobre fondo negro,

coa voz ecoando libre, vouga de sal, a derramarse,

esmaga o presentimento de que o anel será promesa

e o lazo ábrese e faise nó.

E só quedan os versos que un día escribimos, soñache,

respirei coma ar envelenado.

Volver é ter outro momento para ser,

para ter a lingua fóra como se acabasemos

de abrirnos as esposas, fundido en negro

mentres esculcamos a carón de Salinas todos os camiños

que nos guían sen remorsos cara adentro da espiña central.

Detémonos un momento, se cadra, na espera

coa forma da nosa man coa que pechamos libros, abrimos pernas, tinguimos panos.

Subimos chanzos, escorremos a louza, deixamos a secar as palabras,

xusto no epicentro da Polar na (nosa) fronte.

Venus é o planeta que máis brilla. Dixéchesmo ti.

Agora apañades as estrelas, convidadas todas,

pechamos os ollos e

decidimos que voen as palabras da amizade.


(O noso -de Teresa, Dores, Emma e máis meu!- cadaver exquisito este agosto na Coruña!)

venres, 11 de setembro de 2009

xoves, 3 de setembro de 2009

Contra vento e marea



Durante tres semaniñas de setembro (3-4, 10-11, 17-18)terán lugar na casa-museo de Emilia Pardo Bazán na Coruña, as xornadas de conferencias, debate, teatro, danza e intervencións artísticas CONTRA VENTO E MAREA. VERBAS E PEGADAS DO FEMINISMO "que suporán un achegamento ás cuestións de xénero a través de dous bloques temáticos, as pioneiras e anónimas e o(s) feminismo(s), a través dun percorrido desde as primeiras loitas feministas do século XIX ata a actualidade, con especial fincapé no ámbito galego, segundo declaran dende a organización. Por medio de conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas na rúa este evento tentará amosar unha panorámica ampla e plural do feminismo, as súas teorías e a súa presenza social"

Déixovos o programa na imaxe, dobre click sobre ela agrándao e pódese ler, @s que esteades pola terra aproveitade, quen puidera...





O lema "Contra vento e marea" fora elixido por Emilia Pardo Bazán para reivindicar o seu compromiso co traballo intelectual tendo en conta as evidentes trabas da época. Interésanos poñer en valor o legado da Condesa na actualidade, unha figura recoñecida pola súa defensa na debatida cuestión da educación das mulleres. Así, nestas xornadas esperamos manter esta mesma pulsión de liberdade, recollendo a testemuña do espírito aberto e transgresor da primeira muller catedrática da Universidade española.
Por isto propoñemos un achegamento ás cuestións de xénero a través de dous bloques temáticos, pioneiras e anónimas e feminismo(s), facendo un percorrido desde as primeiras loitas feministas do século XIX ata a actualidade, con especial fincapé no ámbito galego, tentando amosar unha panorámica ampla e plural (teoría, activismo, literatura, arte) por medio de conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas na rúa.


Xulia Santiso e Anxela Caramés (as organizadoras)
Grazas a Lucía por me enviar a información!

mércores, 2 de setembro de 2009

Sangue fresco

"/>
Onte tivemos a sorte de degustar ás Electrozombies (Chile) gracias á man dadivosa dos c-utter. Ben riquiñ@s ó trato baixo a súa pel política, dura de metal. "Vas flipar coas nenas", díxome Mr. Hobo, e non era para menos.

Ademais trouxen entre cabeiros, feliz e sangrando unha reedición do marabilloso split de ámbolos grupos esta vez cun dvd-agasallo con concertos, videoclips e imaxes todo feito por eles mesmos; e a chamiña acendida de volver estar con elas: coa beleza interminábel deste poderoso humano, Mr. Hobo, e a voz na distancia cal faro iluminada da miña amada Amapolius.

E mañá na Coruña, nas valentes Atochas, para que non digades!!!