luns, 14 de setembro de 2009
14 de Agosto exquisito
"Por tí mi mano de mortal materia
ha tocado los dedos..."
PEDRO SALINAS
Atravesar todas as terras mortais para fundar un porto,
facer unha volta ao veludo negro deste lazo
e pousar os beizos no mural de Lugrís.
Agárdante entre perrier e soños dourados sobre fondo negro,
coa voz ecoando libre, vouga de sal, a derramarse,
esmaga o presentimento de que o anel será promesa
e o lazo ábrese e faise nó.
E só quedan os versos que un día escribimos, soñache,
respirei coma ar envelenado.
Volver é ter outro momento para ser,
para ter a lingua fóra como se acabasemos
de abrirnos as esposas, fundido en negro
mentres esculcamos a carón de Salinas todos os camiños
que nos guían sen remorsos cara adentro da espiña central.
Detémonos un momento, se cadra, na espera
coa forma da nosa man coa que pechamos libros, abrimos pernas, tinguimos panos.
Subimos chanzos, escorremos a louza, deixamos a secar as palabras,
xusto no epicentro da Polar na (nosa) fronte.
Venus é o planeta que máis brilla. Dixéchesmo ti.
Agora apañades as estrelas, convidadas todas,
pechamos os ollos e
decidimos que voen as palabras da amizade.
(O noso -de Teresa, Dores, Emma e máis meu!- cadaver exquisito este agosto na Coruña!)
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario