martes, 8 de abril de 2008

A miña parte morta



Eu son das de líquido final.
Das que se afunden en gases pechados.
Oven, oven, oven… minto.

Porque creo que para encarar, ou ser
-non para estar, non para zafarse–
hei vomitar, ou mellor deixar caer
turbiedade que é auga suxa,
axitada os días roxos,
pero sempre aquí, clara con
anaquiños de de todo, restos que me restan,
manchas flotando se amaina,
algún xoguetiño bonito estrago
-que non sexa de peluche, por favor-.

Hei babear e respirar e renacer.
Sei do que falo. Necrosis.
Prometo e predigo a caída do corazón negro,
a miña parte morta.

***


DÚAS COUSIÑAS:

1. O verso "axitada os días roxos" debería ir nesa liña, pero comezando á altura de "suxa". A plantilla do blog non me deixa sangralo, asi que aquí vai a explicación do cambio de lugar no poema.
2. Encantaríame poder activar o recadriño de comentarios para que todo o mundo que queira, poda escribir algo, pero o mesmo de antes, o blog négase...
Calquera cousiña a: nana_coromoto@hotmail.com

Mil gracias e bicos,
Ana

luns, 24 de marzo de 2008

A orixe da simetría


No avión, zumbidos ácidos pero controlados polo seu peso e dimensión. Coa cobertura propia dunha manta véxome envolta no motor xigantesco. E no medio de tanta vitriedade diseccionada polo meu oído aparecen estes poemas.

Aí atopei a simetría dos cadros cain-abelianos de Jose do vrau que nos coñecimos e tódalas pedras e tódalas intencións do asasino.

María Salvador botou un fiíño a voar dende a súa fiestra á miña ó ler o libro colectivo Transgeneración 1.0. invitándome a Oniria. Eu que só vivía nas páxinas da capa do rei dos soños, non vin opción máis axeitada na chegada do inverno.

Qué pasada estas,estes poetas tan noviñ@s coa decisión afiada e a voz intacta.

Outros recitados por ela mesma en:
Ciclo Radiografía e no seu myspace.
Letriñas e moito dela:
no seu blog e web.
Reseñada por Elena Medel en Poesía digital

martes, 18 de marzo de 2008

x



Sei que as miñas frases son primarias, escribo con demasiado amor por elas e ese amor compensa as faltas, pero demasiado amor perxudica o traballo. Isto non é un libro porque non se escribe así. ¿O que escribo é un único clímax? Os meus días son un único clímax; vivo á marxe.
Clarice Lispector

xoves, 7 de febreiro de 2008

[Zoom]



A revista Oniria invítame a participar nas súas páxinas. Dixital serei.
Ben! Que bonita foto e poema da colaboración de Yolanda no número 5.
A súa profundidade de campo gústame así esgazada.
Algúns cristaliños rotos son perfectos. Fan que te vexas Alicia, que te volvas tola por atravesarte. Outros ráianche os ollos, coma maquillaxe que mancha.
Un dos libros que máis me gusta do ano pasado é Tara, sen dúbida. Falando de rotos.]
Sempre penso en falar aquí dos libros que leo e decido non facelo.
Como se fora condicionar ó cosmos.
Como se fora un imán con importancia.
Unha boca necesaria.
E non.
Si para min. (Ninguén máis a miña lingua).]

Hoxe atópome con este libro de Estíbaliz: Zoommm. É difícil atopala nas librarías, ó menos cando eu o tentei, e agora por fin, como a ela lle gusta, está no meu sistema (informático).

Atopo a Antía cociñando galletas. Ben!
E regálanme un disco redondo: maxia, ilusión, beleza cruel e crúa.Núcleo.



imaxes: colaxiños propios
A regueifa, bo prantexamento editorial. O bocado biónico: riquísimo!
Gracias María (Salvador)!

mércores, 5 de decembro de 2007

"HAZ" de luz atravesando as nosas vidas i empuxándonos a facer

Como todo mes de aniversario, este novembro é o máis duro e o máis bonito. Teño entre as mans o fermosísimo HAZ#3, todo un luxo de autoedición, deste artistaza que é Jose e que nos dá unha e outra vez leccións de coidar o máis mínimo detalle e facelo con todo o amor á arte. Non hai nada que explicar deste fanzine. Só hai que velo, tocalo, telo ben a man pra ver que a escuridade está rota de luz; pra lembrar que se poden facer ben e intensísimamente as cousas dende a casa; e deixarnos claro a nós mesmas que se a creación corre por si soa a eses territorios libres e entusiastas ós que nos levan -a xente afín e con proxectos R E A I S-, ha de ser de xeito natural!!!
*

venres, 16 de novembro de 2007

Vítreo novembro

Acaba de chegarme o Inforvoxe 19, o mesmo día que remato de grabar en audio os poemas que alí saen e que a AELG quere incluir nun libro das colaboracións da sección "Letras novas" dos 20 primeiros números desta publicación. Que preciosa experiencia a de grabar a voz co pedaliño de volume, co micro emprestado, soíña e feliz, unha e outra vez atopando a miña voz físicamente no ar deste cuarto propio e amarelo.

*
Onte no concerto de Brötzman, dicíalle ós meus amigos, "aquí todos teñen mínimo un grupo, menos eu", sen lembrar a nova experiencia vítrea, que a pesares de min, xa é realidade. É verdade. Se son colaxera visual, por qué non xogar cos sons? me parto... xa vos contarei en breve, cando saquemos a cintiña. Esquecía este experimentar sonoro...

*
Todo isto vén, porque acabo de visitar a María Lado na súa casatlántica e flipoume "novembro". Que ganas de poder degustar xa os nove obxectos e vivir nesa illa, ese novembro terrorífico que de feito xa coñezo dende nena.
*

mércores, 10 de outubro de 2007

¡Aféiteo, aféiteo!

Parece que non pasa nada e todo o mundo anda argallando o seu. Afeite al perro o selo editor irmauciño quere abrir unha fiestra na rede pra estar máis preto, na realidade- iso sí- de todos, e poder dicir por qué fan as cousas e cómo... a min paréceme fundamental isto: que uns ós outros non só nos motivemos, senón que nos expliquemos e que os nosos proxectos nazan da casa, non das arcas oficiais... así sempre serán nosos e sempre serán puros...
é tamén como cando lees un libro que está tan feito dende dentro que de verdade ti sintes que tamén podes escribir; ou ver arte que é tan libre que che dá ganas de debuxar e debuxar; ou as edicións que están tan coidadas, que che descobren que editar é devecer polos libros... ai! que luns de cohetización...
Pois iso: as revistas de tendencias non existen e menos as gratuitas(¿?), e os lazos reais sí!!!
Quero facer igualiño que as italianas con que o patriarcado non existe... así hai que vivir, pa'diante e coa forza do primeiro latexo.

E para mostra, un botón.

domingo, 16 de setembro de 2007

Implicadas. Pura vida


Emcionada me atopo no blog de Antía Otero, si, "no". Dame tantas ganas de falar eu así. Tan libre coma a corrente. Fluída e fluvial. Con tódalas imaxes que me suxiren as que me atopan.
E tanto máis cando chego ás fermosas-intensas-heroas crónicas de María Reimóndez. Recomendadísima está. A súa aposta, o seu proxecto, a súa mirada.
A través dela véñenseme as palabras de Xohana Torres "OLLOS DA MIÑA NAI, SEN ELES A MIÑA HISTORIA NON TEN OLLOS" e directamente chego á imaxe que eu lle regalei á miña ilustrando esa transcrición. Domingo: descanso e fiíño.

mércores, 12 de setembro de 2007

Anfibias. De sangue frío


 
Atopo o traballo audiovisual de María Ruido na páxina do espazo documental do CGAC (onde tamén podo ver a intensa última traxectoria da miña amiga Ana). Así que me descargo os vídeos que levo querendo ver anos, e desfruto... interesantísimos; carne de galiña tamén, pero ineludibles: "Ficciones anfibias" e "Las narrativas del trabajo" - que dirixe xunto a Montse Romaní e Virginia Villaplana-.
Tamén vos recomendo "La memoria interior", que eu tiven a sorte de ver fai tempo, e sobre todo "La voz humana" en hamaca, un intento de distribuir o videoarte do estado.