Páxinas

venres, 29 de xaneiro de 2016

: HUEVO



Levo moito tempo escribindo unha longa carta de amor non correspondida. Non correspondida a miña ansia por levar a cabo esta xesta. Levo moito tempo soñando con escribir esa carta. Pero só teño unha caixiña mental de non-escritura, con todas esas verbas gravadas nunha tira de borrador de máquina de escribir pensamento. Logo topei o Zoo e quedei en branco. Logo pasaron dous anos e rematei uns días metida na que fora a miña casa - que deixei- na que estivera contigo, pasou isto: agora é un hotel e fun e metinme nela, para escribirche esa carta que nunca te chegará, rematala, facer, poder verte na distancia, e comprenderte, meu Capitán. 
Contrariamente ao que debería ter acontecido como reposta, a orde no papel trouxo o caos á vida -de sempre- e puiden comprenderte, pero o traballo quedou sen facer. Por fin entendin quen eras: esguizando no amor atopeite persona fóra de min, da historia, do tempo, do océano, da nosa narrativa fou de punk extremo. 
Topeite aí fóra na estructura na que as cousas funcionan sabendo quen eras máis novo ca min, descubrindo cómo finalmente non querías xogar ao camiño non-recto. Devir, devir, é a miña estación, o que non sabía é que a túa non era. Así que comprendín a túa decisión e comprendín o teu chauvinismo chileno, e comprendín o teu traballo na Moneda, e comprendín que quixeras raíz, e que quixeras pisar piso, e que quixeras idioma(prosodia non Conquistadora) e até comprendín que quixeras amala a ela: pequenaEstrañaeslavachilena. Pero sobre todo comprendín que necesitabas algo quentiño polas noites, sen mamá sempre se precisa algo quentiño que ten que ver coa música e o negro e o sexo e aquí volve ela -raíña da desinhibición-, comprendín que sobre todas as cousas tiña que ser algo coñecido, non por coñecer. Ningún golpe. Nin fóra de xogo. Algo non atopado de súpeto: non eu. 
Entendín por qué te fuches, finalmente. 
Por aquí, por estas terras,  direiche que lles pasou a case todos os que me arrodeaban e se separaran das súas parellas daquela. Todos voltaron ao acubillo do que queimaba. Grazas a elas e a eles comprendín por fin o que che puido pasar a ti, e puiden separarme desta historia ao fin. A ver se agora podo escribir -e para qué, pero que o para non importa!-  podo escribir unha carta de amor por tanto tempo autocensurada que xa si, se perda no océano, pechada nunha botella á deriva da miña vida sempre cara adiante, Capitán Sangre, eu sempre cara adiante, sen programa- xa sabes- navego/ surfeo/floto sen chegar nunca a terra firme, sen peros.
 Cecais agora, así, crendo na viaxe sen final do noso encontro, e crendo no camiño en si, poida eu ser quen de tintar esta carta -para qué-, que ti xa sabes que comeza e remata cunha mesma verba:
a i n d a q u e
x a n o n d i g n i f i q u e n a d a
p o d e m o s d i c i r h u e v o
p e r o x a n o n s i g n i f i c a t e q u i e r o

Ningún comentario:

Publicar un comentario