Páxinas

luns, 1 de xuño de 2015

Fóra do lote de actividades

Rachel Papo


Eu realmente ingresei, hai que dicilo, dúas veces na Robleda. A primeira, cando quedei sen coñecemento, un día que me desmaiei... Creo que estiven nove días nos que recuperei forzas. Non podía andar, estiven cinco días nunha cadeira de rodas. Logo veu a miña filla e a familia de vacacións. Eu pedín... Non, supliquei ir á casa. Ademais, pensaba que coa alegría de ver a familia todo iría ben… Pero despois de catro días, fixen ao revés: supliquei para que me levasen de volta. Entón, eu estaba mal, pero non tan mal para non poder pensar...  E dixen para min: “Aquí teño que facer algo para superar isto”. E comecei a escribir, como fixen toda a vida. Porque sempre levei comigo cadernos... Fose a onde fose. No psiquiátrico non podía ser menos... E comecei a escribir todos os días... Mira, agora a psiquiatría é moi moderna e ponche un lote de actividades. Na Robleda podía pintar, facer ximnasia e todas esas cousas... Pero, iso, a min non me gustaba... Eu prefería escribir. Un escritor observa todo o que hai ao arredor e alí, á miña beira, había moito que observar.


Úrsula Heinze 

Ningún comentario:

Publicar un comentario