Páxinas

sábado, 5 de maio de 2012

(Violencia)*, Violación

Esta noite alguén me preguntaba no soño se o meu texto ía manuscrito. E lembro -como na vida- as ganas de dicir  NON (visualizaba xa a escrita mecánica, unha caixa enmarcaba o meu texto) e o SI que a miña boca-os meus ouvidos estaban disfrazando...

Nada máis lembro do soño... O escenario no recordo seguinte converteuse en poeira e algo de campo había marrón. Unha enorme masa de violacións a acontecer (podedes imaxinar unha orxía nesa nube sepia, algo horrible coa estética das series sobre Roma, pero era Violación).  Eran homes dos nosos, sen casco, con moi mala ostia os que se repartían entre nós. E lembro tamén que eu estaba fóra véndoo todo, cunha igual, que me dicía: despois de todo o que os chamamos, teñen dereito a esta catarse no soño.
Espertei estarricada como unha pértega, seca como un carbón, doorida como unha pel de plátano coa que alguén acaba de esbarar e caer, pensando en alto: si, si, coidado con chamarlles ou visualizalos feo despois de tantos anos a zouparnos. 




SOBRE O TÍTULO: *No texto orixinal esta palabra debe ir tachada



[Cecais soñei isto por estar falando das vengadoras Bloody Mary (thank goodness Anne Nocenti, u save me at eighteen), e de Electra e por ter nas mans a Prometea de Alan MOORE. Cecais foi tamén por escoitar nunha libraría a unha clienta pedindo a berros un libro EN ALEMÁN, DUN AUTOR ALEMÁN, NOVELA NEGRA E FEMINISTA, e imaxinar a pregunta da libreira, ó escoitar de novo POIS FEMINISTA, NON MACHISTA. Cecais foi por reflexionar sobre a imaxe das feministas, que moitas veces en lugar de loitar nas simas da desigualdade comezando pola nosa distópica ¿? conciencia dela, semellamos esaxeradas "amantes das mulleres". Cecais tamén porque quedei coas ganas de contestarlle a Je. -de bo rollo, que é ben lindo- cando me dixo, qué reivindicativa, toda de morado (...), explicándolle que meu feminismo é fucsia, cecais.]

Ningún comentario:

Publicar un comentario