AQUÍ vos deixo as palabras de Antía sobre o meu libro, estivemos en Couceiro (Compostela) o mércores pasado, 9 de novembro  presentándoo, e qué bonito foi. Mil grazas a Antía e a David, de Toxosoutos. 
*
o mércores 9 de novembro tiven o gusto de participar na presentación do poemario PINTALABIOS de Ana Cibeira, editado por Toxosoutos.
aquí o texto de presentación sobre o libro:
Elección: palabra de inicio e peche
a) Saudarte entre as páxinas
Un acto íntimo. Un xesto. A man movéndose en forma de dobre arco.  Trazando a composición no aire, coma as ás dunha cotobía. E por debaixo  un semicírculo perfecto, quizais, só rebentado polas marcas do frío,  polas peles que van sobrando en novembro e que unha decide arrincar cos  dentes. Un acto íntimo como a lectura. Como pasar as páxinas dun libro  tan forte coma delicado. Deixar as pestanas no papel e tintarse a boca  co Pintalabios de Ana. En novembro. Dentro dun coche. Acompañada só polo  lixeiro son da calefacción. Aparcada nalgunha rúa da cidade mentras  fóra chove e ti debullas imaxes.
Porque non hai poema sen imaxes nin lectura íntima sen soidade….quero  darche as grazas como lectora, por todas esas palabras sinceiras que  confesan e presentan, que falan ao escoito, directamente como se non  houbese outro “ti” que o que le:
“ Se nacera serpe, sería bailarina
ofrecendo o corpo partido
por unha lanza de luz dura.
Pero crieime nesta rexión 
habitada de voces
buscando un fogar
dende o que derramarme
cal chuvia que morde
a nube máis esponxosa” 
b) Un pantone para a boca
Sabes que na Vogue din que neste outono 2011 a tendencia é levar os  beizos pintados dun forte vermello?. Un vermello escarlata que rememora a  Marilyn Monroe pero “cun look máis romántico, máis doce e sen  estridencias”. Xogando aos subtextos entendemos que a Norma Jean entrada  en anos, bébeda e aficcionada aos barbitúricos non lle gusta a  Dolce&Gabana. A Marilyn baixada do Olimpo que, con quilos de máis e a  cara cansa, actuaba en Vidas Rebeldes non lles serve aos profesionais  da moda. Os mesmos que aconsellan que se eleximos pintar os beizos  debemos compensar o protagonismo do vermello cunha maquillaxe discreta, neutra e incluso ir sen ela nos ollos e na face.
É dicir, elexir entre a cor dos ollos ou da boca. Decidir onde prestar a atención. Nunca dous focos á vez….
Se a ollada vai cargada…. a boca espida
se a boca vai pintada……..a mirada baleira.
Cuestión de saber decidirse. Elexir sobre o propio corpo baixo as reglas do Vademecum da moda…
Ante isto, Ana escolle a Guerrilla, a mestizaxe, o punk:
Burbulliñas de rimel
co que afirmo a vida mestiza
pecando de rouge ou de suicida?
c) Definindo territorios
Unha vez preguntáronlle a Maruxa Mallo, a pintora vangardista,  surrealista e moderna do século vinte, o motivo desa obsesión súa pola  maquillaxe. A orixe desa decisión de retratar toda a cara botando polvos  de arroz na pel, pintando os ollos de azul turquesa ou verde esmeralda,  tintando os beizos co máis vermellón dos pintalabios…..
Maruxa riu coma unha pícara e, coa intelixencia dos que saben dirixir  a língua ao centro da diana, comentou que ela o único que facía era  seguír as teorías que as civilizacións máis avanzadas xa comezaran había  miles de anos: saber que a cara lavada está desdibuxada. Ser consciente  de que en Mesopotamia e en Exipto a maquillaxe era empregada para  enmarcar os rasgos, alumear o mapa da cara con territorios definidos e  otorgar identidade.
Así, debuxando os rasgos como a pintora, Ana tamén coloca as cores da  maquillaxe sobre a tabla e recórtaas en collages elegantes, sutiles e  suxerentes na mestizaxe do seu idioma:
“ Preparo un íntimo collage
con ventre de canción:
ceriña olorosa e tea a lapis
verniz de celofán, pelo da pollina
teipe estampado de escarcha
e unha trenza de corda”
d) Guerrilla Girls
Se ben a Historia da Arte recolle a Picasso ou a George Braque como  inciadores do collage cando se lanzaron a introducir nos seus cadros  recortes de xornais e revistas, etiquetas de licores, de cigarrillos e  papeis coloreados…..Ana elixe outros referentes á hora de compoñer as  súas pezas. Nomes como a alemana Hannah Höch, a única muller que  participou no movemento DADÁ e que empregou a fotomontaxe e o collage  para presentar “a muller nova” e denunciar a unha sociedade machista e  misóxina…..ou a cineasta belga Chantal Akerman que nas súas películas  nos fala da súa mirada ao redor da identidade, a sexualidade, a memoria,  o persoal e o político.
Dirt foi o clic de Chantal Akerman
para filma-lo deserto/ a fame/ a mafia,
a guerra diaria que preserva o interior
desta América fortificada.
Unha maneira de estar no mundo ao redor do diálogo que a arte mantén  co activismo, coa guerrilla e que Ana tamén explora noutros formatos  como son o seu blogue ou os fancines nos que participa.
e) Eu tamén che escribo unha Postdata:
Postdata
Ana escribe Pintalabios e mostra unha maneira de estar no mundo. Un  xeito de posicionarse na escrita e na vida. Unha chamada ao presente, á  linguaxe clara, ao aquí e ao agora.
Un mundo de declaracións e exclamacións.
Mais como todo debe ter un remate, Ana, pecha a obra cunha última palabra.
Unha palabra valente e presente en tódolos creadores e creadoras que  afrontan o seu traballo dende a mirada contemporánea e que, Ana, escribe  como colofón sabéndose raiña de varios mundos, de varios rexistros e  posilidades onde moverse.
Se collen o libro entre as mans e buscan no final da Postdata, verán a  palabra da que falo. Unha palabra comprometida onde as haxa, remarcada  por un signo de exclamación.
…. Se teñen o libro diante poden buscala e…. senón dígollela eu:
a palabra é ELECCIÓN
texto.- Antía Otero. Novembro 2011
foto.-Libraría Couceiro
que bonitas e certeiras as palabras de antía!
ResponderEliminarQueridas ana e antia grazas polo estupendo momento de couceiro. Tita
ResponderEliminar