Páxinas

luns, 11 de abril de 2011

Froita sabia

Eva en coiros

A túa pel é a miña pel. A túa suor é a miña. Todas e cada unha das pingas de auga que percorren o teu corpo. O teu sal é o meu sal. As túas trinta e tres vértebras, o meu espiñazo. A luz que che brilla nas meniñas, o meu solpor. Todas e cada unha das bágoas que lamben a túa pel son a miña auga. A miña suor. O meu cuspe. Non hai nada en ti que non me pertenza. Nada en ti que non sexa meu. A túa pel, a túa auga, as túas vértebras, o teu sal, a túa luz. Eva tremelica espida no corazón máis negro da fraga. É noite. O ruído dos seus dentes ao bater uns contra os outros compite coa chuvia iracunda que se precipita sobre a terra mol, sobre o río, sobre todas e cada unha das follas dos sabugueiros, dos bidueiros, dos carballos. Todos os dedos de auga petan con violencia nas teclas do mundo. Tamén nas súas. A cachoeira multiplica o seu eco dende o mar ata o mesmo cu do monte onde abrolla o río. O río. A súa forza afoga os lamentos máis sonoros pero non é quen de apagar estoutros, os que se lle envolven na gorxa e van baixando polo esófago, logo pola boca do estómago ata, finalmente, ficar retorcidos nos intestinos. Por iso Eva prefire berrar a deixar que este regato velenoso e cargado de silencios e culpa lle amoleza nas tripas. Colle aire nos pulmóns ata notar como o peito lle rebenta e logo deita un aturuxo rabioso sobre a pel das follas, sobre o leito do río, sobre os fungos, sobre as pedras, sobre os fieitos. Eva berra ata enxordecer pola ira húmida da súa propia voz. Para apagar a impotencia, a rabia, a covardía da fraga, acubillo e cadaleito. Eva berra e a fraga engole o seu lamento dun só grolo, roubándolle mesmo o consolo do eco que se perde polo mundo e demostre que segue alí. Que aínda está viva e pode contalo. O caso é a quen. Coma as outras veces. A quen. Eva arremuíñase arredor do seu propio corpo en coiros, amarrada de brazos e pernas á súa mísera pel. Tentando protexer o corazón cunha casca de epiderme, cando o cancro se estende de ventrículos para dentro. Eva lambe as pingas da pel e sacode a auga que lle escorrega polo pelo, polo colo, polas dedas dos pés. A fraga enléase nas súas vértebras e éntralle dentro con paso lento de caracois sobre unha estreira de babuxas. E cando Eva máis berra máis se lle meten dentro as sobreiras, os bidueiros, os salgueiros, as abeleiras, os freixos, os liques, os cons do río, os latexos dos morcegos, o cheiro fedorento do golpe, a sombra da bubela, o tacto suave das píntegas, os vómitos da avelaiona –egagrópilas, Eva, egagrópilas, repetíanlle na escola, egagrópilas- Que fillo de puta o don Perfecto, egagrópilas, Eva, egagrópilas. E Eva berra egagrópilas, egagrópilas para liberarse de todo o aprendido, de todo o inculcado coa letra que con sangue entra. Egagrópilas, egagrópilas. E canto máis o repite máis se lle enlean os felgos arborescentes, o carrizo, as lamachas, os rebolos, os narcisos e os pradairos por entre os dedos, nas orellas, na melena, nas inguas. Egagrópilas, egagrópilas. Esta voz. Esta voz non é súa. Non son as súas cordas vogais as que chaman. Nin tampouco é a fraga. Demasiado familiar. Como quen fala para dentro. Eva, que nunca parou de tremer, vibra agora cun terrible sobresalto. É el. Maldita sexa. A túa pel é a miña pel. A túa suor é a miña. Todas e cada unha das pingas de auga que percorren o teu corpo. O teu sal é o meu sal. As túas trinta e tres vértebras, o meu espiñazo. A luz que che brilla nas meniñas, o meu solpor. Todas e cada unha das bágoas que lamben a túa pel son a miña auga. A miña suor. O meu cuspe. Non hai nada en ti que non me pertenza. Nada en ti que non sexa meu. A túa pel, a túa auga, as túas vértebras, o teu sal, a túa luz. Como puido sospeitar do seu agocho. É noite e continúa a chover sobre a fraga e sobre Eva que se deixa enlear polas pólas dun sabugueiro. A voz cada vez máis cerca e Eva que machuca a terra co bater desbocado do seu corazón. A voz xa non é un grito de chamada é un moumeo na orella. A túa pel é a miña pel. A túa suor é a miña. Todas e cada unha das pingas de auga que percorren o teu corpo. O teu sal é o meu sal. As túas trinta e tres vértebras, o meu espiñazo. A luz que che brilla nas meniñas, o meu solpor. Todas e cada unha das bágoas que lamben a túa pel son a miña auga. A miña suor. O meu cuspe. Non hai nada en ti que non me pertenza. Nada en ti que non sexa meu. A túa pel, a túa auga, as túas vértebras, o teu sal, a túa luz. Eva fica inmóbil. Como as sobreiras, como os ameneiros, como os felgos, como as pedras. Deixa que a chuvia lle bañe a pel e caia sobre as pernas e os brazos como o río que, ruidoso, se desliza cara ao mar. Pensa que a fraga enroscada nas vértebras ha agochala pero a voz pasa de bico a labazada no furado da orella. E o maldito corazón da fraga rabuñado de felgos arborescentes e babas de caracol non logra engulila. É ela quen consume a fraga. Nun acto de desesperación última –entre suicida e vitorioso- Eva traba na noite e arrinca a cortiza da súa sobreira dunha soa mordedura. Doe como se arrincase a pel a tiras. Sangra, proe, laia. Pero ela arregaña os dentes que antes só sabían tremelicar e mastiga con xenreira os anacos de codia que aínda manchan a súa pel espida. Xusto coa furia necesaria. A voz da orella apágase lentamente, a medio camiño entre a sorpresa e o desengano, namentres Eva quita de entre as unllas os restos de cortiza vermella da sobreira que a esganaba. E berra, por fin, máis alto cá fraga que nunca conseguiu agochala. Máis alto có río. Máis alto có bater de ás da curuxa e có pestanexar dos morcegos. Eva en coiros, Eva enleada en chuvia consome a fraga e esmigalla entre os dedos engoumados o seu corazón de sombras e follas secas que xa non producen osíxeno para respirar. E fica no eco do río o retrouso que chega dende o cu do monte. A túa pel é a miña pel. A túa suor é a miña. Todas e cada unha das pingas de auga que percorren o teu corpo. O teu sal é o meu sal. As túas trinta e tres vértebras, o meu espiñazo. A luz que che brilla nas meniñas, o meu solpor. Todas e cada unha das bágoas que lamben a túa pel son a miña auga. A miña suor. O meu cuspe. Non hai nada en ti que non me pertenza. Nada en ti que non sexa meu. A túa pel, a túa auga, as túas vértebras, o teu sal, a túa luz.



Vai á merda, di Eva en coiros, a miña pel é miña.











Ningún comentario:

Publicar un comentario