Páxinas

domingo, 23 de xaneiro de 2011

A pel dos espellos



O outro día fomos a un concerto bonito e unha belísima rapaza díxime isto: pois que me digas iso ti que fas os collages máis bonitos do mundo... foi impresionante escoitalo. A nosa conversa xiraba arredor da preciosa estampa que era o seu atuendo; xa levabamos quedando varios venres e cada día viña cunha saia longa dunha textura diferente. Algunhas delas parecían enormes panos que ela dispuxera arredor do seu corpo, unha tipo pata de galo roxa e negra, outra dunha laniña soave a gris e por arriba tamén combinada con outras texturas
[non é que interese a moda, pero si as texturas e os diferentes nomes das peles, dos corpos. Do peso das teas, da calidade das carnes, do tornasol dos poros ó contacto reflexo coa luz que se coa pola fiestra e dime ola mentres escribo.]
Esta vez era noite e festa, uns amigos tocaban nun coñecido local e cando saca o abrigo case morro. Mi bella genia, miña nai que bela, unha saia pantalón dunha teaa frouxa, un tul pesado, como unha seda sintética, pero preciosa de cor salmón ou rosa palo. E un estampadiño delicado, como manchas dunha panteira bicor feita de fíos prateados dáballe o sentido de reflexo de lúa a todo o traxe. Por riba dos pantalonciños de Aladina levaba un vestido a xeito de refaixo de veludo claro, case como os pantalóns e por riba unha chaquetiña similar á citada vestimenta de ensoño.
Incrible. Semellaba que baixara da súa alfombra e nos bicara o seu pelo acibeche.

E foi ela, a recén chegada do mundo fantástico, a que me dixo: os collages máis bonitos do mundo.


*[Mi bella genio é unha expresión que quedou na miña casa para nos referir a tódalas vestimentas e situacións relacionadas co oriente arábigo. Vén dunha serie de tvVe, pero iso non o souben ata medrar. Durante moito tempo pensei que era unha frase feita, unha expresión. (E agora buscando na rede para ver cómo era a serie, vexo que a prota ten uns pantalonciños exactos ós de María!)]




[Foto: as miñas texturas detrás do espello, video da intro de "mi bella genio"]

Ningún comentario:

Publicar un comentario