Páxinas

xoves, 6 de xaneiro de 2011

Anxos da anarquía


Querido anxo,
que ben me coñeces, ti diminuto ou é o cuatrico que levas nas maus o que te fai parecer tan pequerrecho?, ti que escenificas as miñas melodías, esas panxoliñas que cantaba cando a miña voz era máis latina ca galega, meu ben, como me catas, como me falas na túa lingua a das plumas, facéndome quecer no país dos soños. Ti e máis eu que compartimos naris, ti e máis eu de espírito anárquico, ti e máis eu que non cremos no peso das sacas senón no que cae polo seu propio peso, ti e máis eu unha sorte de E & C ou de todas as que se asemellan, eu e máis ti que o único que gravamos a lume son os nosos nomes na cortiza das árbores, certa clase de extrañas criaturas, eu e máis ti. Querido amigoamado, querería dicirche o que C. lle dixo a C. frenéticamente aló polos noventa, e tanto soñei que eu llo podería dicir a alguén na terra que te atopei xusto onde para min comezaba a fin do mundo. Paxariño, grazas por vestirte de rei mago e mandarme de volta á xenealoxía do inferno, que ás veces padezo amnesia, esquezo como voar ou avanzar cara atrás naturalmente, cal cangrexa que comeza a pensar como botar primeiro un pé e logo outro.



[Banda sonora desta entrada >>>]

Ningún comentario:

Publicar un comentario