luns, 3 de agosto de 2009

(Subscribo)


Convídovos a pescudar na carta da TVG e da radio galega os programas culturais "miraxes" e "libro aberto"; podedes atopar interesantes entrevistas á xente da nosa cultura...; e tamén alfaias feitas reseñiñas gráficas -ou non-, reportaxes ou entrevista a moitos creadores!
É unha sorte poder ver os programas completos por internet (e tamén escoitar o diario cultural da radio galega) para os que vivimos fóra da terra.

E de paso, direivos tamén que a Asociación de escritores en lingua galega (AELG) ten recursos ben interesantes: dende textos, criticas e fotos, ata videos das/os escritoras/es asociadas/os! A desfrutar!

E a escritora deste mes de agosto é a sobresaínte Emma Couceiro!

A ACTRIZ

( I )

" Son
crepúsculo e barro.
Crea quen esquece o parto, asinte a pel e tensa o corpo
sen fillo. Podería crevar para crear morte
pero sei condensar na voz o declive,
lanzar esta moeda gravada e levantar frío. Podería sufrir e sufro
na tensión que me obriga a interpretar o mundo nun xesto arriscado

tan suave
que enveleno eterna.

A arte é unha cacería na garganta,
unha batida nas miñas veas.
Pero esta moeda cae e quedo dobrada no escenario,
queda este corpo.

Quén necesita o divismo que arrastro se só conmove ou fascina

se eu son
crepúculo e barro"

( II )

" Clave e illada nese tacto. Cada presa ou drama,
cada acto de vida.
Sen nacemento ou morte esta obra definitiva de espanto
que esixe máis.

E pensar nos movimentos lixeiros e rápidos dun diálogo case divino,
a deidade que perde o alento para sentir o corpo dócil
e indivisible.

Anacrónica e sempre
son
crepúsculo e drama.
Nen coñezo o tacto de todas esas teas,
transfiguro e finxo vestir ilimitada,
porque a orixe
é o meu pulso acelerado
a inscripción desta moeda
o selo que deforma as marcas dixitais que nen conservo.

Teño que padecer como se padece o grito até que é arte

até que exclúe
e crea "
Emma Couceiro


Ningún comentario:

Publicar un comentario