*
MALAS TERRAS 
Estabamos en Alabado Sea El Cielo, o patio era de cemento gris duro, 
se caes aí fixo que rompes as coxas e vas para monxa.
*
Estaba moi lonxe aínda da bola de lume que asusta a mamá, 
viuna por televisión e prometeu non mirar máis ó ceo . 
Non sabía que era asi. Incrible, pero certo. Vimos da Cruña pola autopista. 
Non teño medo de nada estou enfadadísima así que canto e só lle resposto 
ao que conta abraiada sobre o sol, que comeza a poñerse empañándonos 
pouco a pouco os ollos de roxo. Este é o conto de nunca rematar. 
Remo con estes brazos na inundación de sangue inocente, 
culpa de Tifoidea, batalla final, a guerra non declarada de Bloody Mary,
restos do problema de Marnie, a ladroa. 
Arden de veras. Moito máis cando é de noite. 
*
Estabamos nun lugar demasiado tranquilo para ser real, 
dábannos luz e calor raios saídos
directamente das palmas de María virxe para nosoutras
vivindo entre os anxos
rodeadas de estatuas douradas, camiños verdes, sen saber da vida púrpura 
nesta Compostela inundada ata o mes da milagrosa, soberana das flores,
deixabamos pasar o tempo descolorido e suxo. 
*
Agora a tristeza é unha casa e o medo ó reflexo 
películas de Ripstein e Belle de jour. 
* 
Teño doce anos. Quero roubar froita. E un grande amor que me arrastre 
polo pelo mentres a chuvia rompe os cantos destas malas terras.
Sego querendo o mesmo.