mércores, 30 de novembro de 2005

Diario dunha burguesiña

XAMONXAMONXAMONXA...

I

Quería rezar ata que non quedase máis que o sol...


Os meus tacóns son tabúes líquidos
esta mañá mamá taladra as paredes con
cancións de misa, rezos con ritmos, pantasmas sacras
que colgabamos na porta da entrada,
ningún anxo.
Quere luci-los cadros e perderse
nos camiños construídos durante todos estes anos
a base de óleo e cedras de pelo de marta grumbacher
dos pinceis traídos de América,
irremprazables.

Daquela só había un sitio para min
colgábame do pescozo o colexio de monxas
repuxado dentro da medalla que gañara por méritos propios:
silencio e bo comportamento.
Esta é unha historia terrible áceda e suxa
pero ata que unha non canta en alto
non descobre os pecados:

deixarei caer o vestido
para manchar as follas
será igual de noxento que pensar no bolo alimenticio
baixando a gorxa cada vez máis enorme penetrando
o estómago nos libros de quinto;
así é como maría jesús frega as escaleiras e coida a portería
mentres sor custodia atende a secretaría
chegan rumores de que a literatura en oitavo vai ser difícil:
non deixa poñer as tildes os puntos e as comas
ata o final do dictado.

Agora sei que todo o que escoitei naqueles días perdidos
era mentira.
O único que permanece indescifrable é o que ocorría dentro
do ximnasio ós mediodías e a vez que eugenia me ensinou
un pube incríblemente hirsuto ós once.

Tiven que escribir mil veces o meu nome antes de coñecerte
termita e pobre
porque o mundo vai por partes e esta relixión
digan o que digan
canta no inferno
coñece a tristeza de despois do sexo pero iso é un segredo
e tamén estes tacóns suxos do sábado mencendo.


II


...pero o número trece é un gato negro que se cruza entreaspernas,
ou algo peor, unha gata]


Antes dos trece non había gota de auga
despois da estación das chuvias medrou o bosco,
sucederon incendios provocados por guerrillas verdes
armadas e camufladas contra o exército de liberación
os inimigos, vencedores, arrebatáronme a tranquilidade
no val onde nacen os terremotos
críanse tremendas as serpes
e sangrei.

Atopeime con dedais no sitio das unllas
cunhas pernas tan peludas coma as das tarántulas
tiven que suxeitarme ao chan
mentres tremía o ceo
para recuperar a canción que me viñera á boca un día calquera:

teño un pecado de seda
morada e penitente
puntillas áureas
e enrugas verdes,
sentimentos de botón enchendo saquiños de lume
escondidos entre a carne
LA RALARA LAROOO ...


III


...quería rezar ata que non quedase máis que o sol e un diccionario de peto.

Comendo pan quente e bebendo leite
a felicidade fráxil e pasaxeira
fixo a súa casa entre as silvas e as flores con venres pola noite,
citas en Ulloa,
piscina os mércores, excursións e segredos
de licor corenta e tres con vodka,

pero sempre hai un pero
e esta vez foi un animal viscoso
chegou saltando de nenúfar en nenúfar
querendo atragantarse coas miñas mentiras
xuroume:

vas ver un montón de min
son un príncipe queimado
no meu reino houbo tres incendios
no primeiro, vin desaparecer a miña nai entre as cinzas,
eu era tan pequeño;
no segundo, unha a unha as miñas concubinas
convertéronse
en chamas e querían levarme con elas;
do último fuxín, ata que nos atopamos;
sufrín o lume, mais non coñezo o amor.

Un bo día decidín baixa-la garda e achegueime para bicalo.
Ó pousa-los beizos naquela viscosidade
converteuse nun sapo,
entón souben que os saquiños de lume, eran bolboretas
que as bolboretas,chamas
e así concubinas deste meu sapo traidor.

Foi entón cando decidín
facerme armar cabaleira andante.
Comezou a guerra non declarada.


[ De Diario dunha burguesiña algo masoca.
Feliz e sangrando, 1999, Inédito]

Ningún comentario:

Publicar un comentario