AQUÍ VAI A RESEÑA DO IMPARABLE FERNÁN-VELLO SOBRE OS "XOGUETES PÓSTUMOS" QUE VEÑO DE ILUSTRAR PARA EMMA! GRAZAS!
CADERNO ABERTO
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Acaba de publicar un novo libro de poemas Emma Pedreira (A Coruña, 1978) e, se as contas non fallan, estamos diante do oitavo título editado pola autora no eido da poesía, pois como narradora deu á luz un libro de relatos, Bestiario de silencios, e é autora de dúas novelas: As cinzas adentras e Silencio polas sereas. O libro en cuestión, editado con fermosas ilustracións de Ana Cibeira, titúlase Xoguetes póstumos e obtivo o III Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. Emma Pedreira é, na miña opinión, unha das grandes voces da poesía galega dos últimos tempos, e a súa obra, poema a poema, libro a libro, é unha perfecta mostra de depuración estilística e de obtención substancial, fronte ao cultivo de certa "nada retórica" moi explicitada (Domínguez Rey), diso que algúns entendemos como "densidade expresiva"; o que significa tamén, entre outras cousas, ter conciencia do poema, ou, como quería Luis Cernuda, posuír a visión da "liña do poema, do debuxo da composición" do mesmo. Xoguetes póstumos, libro premiado como erótico, participa do erotismo -tema de fondo máis ou menos transparentado en toda a obra da autora- en forma, como diría o portorriqueño López Velázquez, de "tormenta interior"; mais o erotismo en Emma Pedreira -e unha vez máis debemos acudir a Octavio Paz- é ambiguo, é represión e licencia, sublimación e perversión, fenómeno dual que simultaneamente chega a ser pracer e morte: "E provoco unha morte de min recén chegada para as fogueiras e os ventos (...)/ escura de carbón queimante". Cando na actualidade se adoita presentar a poesía -todo é pura moda- apoiada por músicas externas (a poesía en si xa é música), medios audiovisuais e "pantallas" varias, atopamos na obra de Emma Pedreira toda a potencia discursiva do poético, toda a densidade do símbolo actuante, todo o tremor do corpo e da linguaxe posto ao servizo da poesía mesma, esa deusa humana que se non é humana non é poesía (Vicente Aleixandre).