venres, 14 de novembro de 2008

O corpo desaloxado



Levo uns días coa cabeza soterrada nos libros de Miriam Reyes. O motivo, unha reseña que pronto verá a luz nunha revista que aínda descoñezo , pero cuxa editora respeto, e moito.
É incrible como esta poeta dende (ben, cecais non o primeiro verso publicado) pero si dende o primeiro paso en firme dado en forma de libro, xa ten a voz que é ela e o pulso firme da que invita...
Estou entusiasmada. Penso que medrei: cando collín Espejo negro por primeira vez tiven que lelo cunha soa man, e non no sentido que estades pensando; de verdade que agarraba o libro de pé e no ar e coa outra man por veces me collía a fronte e por veces me apoiaba na parede que a cegas buscaba. Doíame. Agora tamén, pero doutra forma. É como se me puidera meter dentro, na súa pel, e despois sair e ser eu mesma, aínda que dorida, zarandeada, con nauseas, si, pero ó fin eu. Agora podo ler.
Non sei se me entendedes.
Coñezo a moita xente devota da literatura á que non lle ten pasado.

Pero ben, quérovos recomendar non só as súas verbas, a súa páxina, o seu rastro... senón tamén unha entrevista en Nosotras en el mundo (xunto con Laura freixas) deliciosa... e tamén a súa ultimísima poética que temos a sorte de degustar xa que aparece no catálogo do encontro "Femigrama" que se está desenrolando estes días de Novembro. ¡Quedades en boa compaña!

[Fotos: a xenial e novísima suicida Francesca Woodman]
 
 

martes, 11 de novembro de 2008

"[...] e iso é o que quero para min, unha vida e uns desexos autoxestionados [...]"

Hoxe unha amiguísima miña envioume unha carta preciosa sobre unha conversa que tiñamos que rematar, sobre o noso andar funambulista pola vida... as súas verbas son espelliños que quentan con só mirarse neles:
"E si que creo nunha loita concreta, real e explícita, colectiva. Do mesmo xeito que creo na acción individual cada día, na vida pequena de cada unha, nas relacións persoais, amorosas, familiares, laborais… en intentar buscar recursos e vías creativas para que as nosas vidas sexan propias e novas, distintas do que pretende impoñerse e xa é normativo/normal."

venres, 7 de novembro de 2008

Xémeas



Puxen esta foto de cabeceira, que xa fixen fai un par de aniños, porque onte estiven la presentación da primeira novela , Tiempos gemelos, da miña amiga María Zaragoza e dende que lle anda rondando un proxecto precioso con forma de boneca na cabeza, as maniquís e ela para mí están endiañadamente unidas.
Falando da noite: facía anos que non ía a un evento con tanta xente. Non sei se foi polo Hotel Kafka, polo Gala, pola Asociación de escritores que lle axudou ¡a ela! a organizar o evento, en fin que quedei abraiada co xentío e a interese. Claro que ademáis da subterraneidade que frecuento, cecais ten que ver que fora unha presentación narrativa e non de poesía.

En todo caso o pouquiño que lin da novela de María, pareceume interesante: escrita dende unha distancia teatral e cunha linguaxe real, non botaba para atrás nin sequera a unha desertora da narrativa longa como son eu estes días.

Adiante nena, estabas reguapísima, ogallá e atope unha foto túa ó Mia Wallace para o album dos días violentos: ¡muuuua!; mentres, a de ficción: