martes, 6 de decembro de 2005

III




*
MALAS TERRAS




Estabamos en Alabado Sea El Cielo, o patio era de cemento gris duro,
se caes aí fixo que rompes as coxas e vas para monxa.
*
Estaba moi lonxe aínda da bola de lume que asusta a mamá,
viuna por televisión e prometeu non mirar máis ó ceo .
Non sabía que era asi. Incrible, pero certo. Vimos da Cruña pola autopista.
Non teño medo de nada estou enfadadísima así que canto e só lle resposto
ao que conta abraiada sobre o sol, que comeza a poñerse empañándonos
pouco a pouco os ollos de roxo. Este é o conto de nunca rematar.
Remo con estes brazos na inundación de sangue inocente,
culpa de Tifoidea, batalla final, a guerra non declarada de Bloody Mary,
restos do problema de Marnie, a ladroa.
Arden de veras. Moito máis cando é de noite.
*
Estabamos nun lugar demasiado tranquilo para ser real,
dábannos luz e calor raios saídos
directamente das palmas de María virxe para nosoutras
vivindo entre os anxos
rodeadas de estatuas douradas, camiños verdes, sen saber da vida púrpura
nesta Compostela inundada ata o mes da milagrosa, soberana das flores,
deixabamos pasar o tempo descolorido e suxo.



*
Agora a tristeza é unha casa e o medo ó reflexo
películas de Ripstein e Belle de jour.


*
Teño doce anos. Quero roubar froita. E un grande amor que me arrastre


polo pelo mentres a chuvia rompe os cantos destas malas terras.


Sego querendo o mesmo.


Feliz e Sangrando, 1999, Inédito]

*

II

- ¿Que é o que ten dios polo que debo perseguilo?
¿Cantas cousas debo saber antes de abrir a boca?

- Estás furiosa e está prohibido.
Este é o xardín da diversión, da custodia e do amplo sorriso.
Saída non hai: estás espida - estás furiosa - estás soñando - está prohibido.
Se queres tenta adiviñar o que el pensa,
pero non queiras comprendelo.
Está prohibido.
Por aquí , como podes ver, non hai curvas, nin pedras na estrada,
nin babosas xigantes ás beiras do camiño,
todo é limpo e fíxate ti , xa non súas...
o noso legado é unha liña continua como un muro purísimo
na autopista máis concorrida da provincia, para ti...
triunfadora, querida...

- ¿As cancións?
- Si, si , por suposto están prohibidas.

- Mátame se cres que vou quedar a averiguar se estou morta ou algo millor.




[De Diario dunha burguesiña algo masoca.
Feliz e Sangrando, 1999, Inédito]