Amosando publicacións coa etiqueta Zapatiños motor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Zapatiños motor. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de xuño de 2008

domingo, 18 de marzo de 2007

Fanzine "Zapatiños motor"







Nace a nosa editora corazón salvaxe co fanzine. Primeiro número de zapatiños motor. Onte fomos públicas e lazos no concerto de Chris Leo e Tetris: "punk y madera", estes chavales afeitaperros sempre dando no cravo, craviño cravado no corazón.

Moito interés e bonitos comentarios: guau!!!; é lindo pero ó tempo duro, resistente; cantos regaliños e todos feitos a mau? - sí!- ... de todo. Nós entusiasmadas, e aprendendo como nunca... para xa comezar a mover as nosas tripas-a darlle voltas á cabeza-latexar duramente-pró novo número: mutante.¡Enlazádevos!

ZAPATIÑOS MOTOR #1 resistencia & pracer
con regalos revolucionarios: libriños a mau e únicos;
póster central pró cuarto; CRATES,un conto adaptado e ilustrado.
pedidos & colaboracións a
zapatinhosmotor@yahoo.es
Pronto en la idea, traficantes de sueños, bang e no teu buzón! . 1 euro.

**************************************************************************

COLABORADORES: haz de maíz, leslie hoffman, m.b., hugo, lola robles, minus bálido, eva maría stehlik, ingrid, natalia manzano, elvira riveiro tobío, luna miguel, antía otero, miguel llansó, javier termenón, alejandra vanessa, rie okada, ana gil, sofía rhei, jaime, crass by nature. ¡MIL GRACIAS A TOD@S!

**************************************************************************


ZAPATIÑOS MOTOR viaxará a Córdoba este sábado 14 de abril,pra compartir postiño co precioso HAZ#2 e o propio bar sobia#3, que se presenta ese día. Sala freaktown, 22.00 da noite, organizan: as hiperactivas e fantásticas polacas.


**************************************************************************

xa podedes mercar zapatiños motor en la idea (madrid) e en BANG!



**************************************************************************

LAZOS

Novas lecturas e links: Ca la dona (casa do feminismo catalán re-activo), Fem art ( o certame de arte feminista que organizan cada ano ¿o único no estado?); os fanzines Disculpe (www.fotolog.com/cagadaenlamano) , punkismo dende o corazón) e Sickfun, que aínda teño entre maus, pero un dos máis interesantes –e bestias- do panorama fanzinero español. En canto á arte descubro os colectivos Bazooka group, dende os setenta cun ollo político imprescindible, ós incribles Pascal Doury e Bruno Richard e os serigrafieiros Bongoût. ¡Desfrutade!

*
zapatinhosmotor@yahoo.es
nana_coromoto@hotmail.com

domingo, 7 de xaneiro de 2007

Feliz 2007 e Reseña de "O Libro da egoísta" de Yolanda Castaño


¡FELIZ 2007!

Este ano ten unha pintaza incrible. Yolanda Castaño presenta o seu Libro de la egoísta en Madrid, en edición bilingüe... e latexan tamén fresquiños os novos libros de Alejandra Vanessa e Elena Medel. Falando delas, La bella varsovia segue máis reactiva ca nunca e este ano sorprenderanos con bonitos e necesarios proxectos... o fempunk #5 zine xa está en marcha e o noso zapatiños motor a piques de deixa-lo forno... 


*


CASTAÑO, YOLANDA, O libro da Egoísta, Colección Dombate, Ed. Galaxia, Vigo, 2003
Para os dandis como para as mulleres,parecer é ser.
BARBEY D’AUREVILLY


ESPELLISMO DE TINTA


Cántos autores deberían ter realizado este exercicio de aprender a mirar cara a vaidade escritora. Despois da fulminante carreira ó éxito literario de Yolanda Castaño – dentro do que isto pode significar na cultura do noso país – gracias ós poemarios: Elevar as pálpebras (1995), Delicia (1998), Vivimos no ciclo das Erofanías (1998) – tamén traducido ó español– e á antoloxía cantada Edénica (2000), chega O libro da egoísta, unha obra que renova a colección Dombate, da Editorial Galaxia, unha aposta pola poesía, tan necesaria despois da desaparición da colección Ablativo Absoluto de Xerais, e da apurada situación da imprescindible Editora Espiral Maior.


O libro da Egoísta, proxecto xestado mentres se sucedían os catro anteriores, é unha pausa na persoal poética da autora (vitalista e erótica -provocativamente afectada-), unha reflexión persoal sobre o desdobramento que require a creación, un xeito de preguntarse polos desexos modais e lingüísticos do xogar a reconstruírse a través da poesía. O texto presenta a vivencia do percorrido literario da autora, aberto como un pactado compromiso consigo mesma, adoecendo (Amarme con cinco caras que terei que sustentar repartindo doses minúsculas das miñas costelas ós cinco peteiros abertos como fauces) e establecendo un diálogo estético entre sofisticados versos (E así lanzada contra a tarde de dedos implacables que non perdoará arrincarme os lazos) e o discurso propio dunha nena nada tráxica, cercano á vida material ( Xuño podía ser un mes bonito), á poesía oral (Qué horror. Non podo deixar de morder a boca por dentro, até facer sangue), e á literatura dos diarios todos (hoxe fun á saída do instituto ver saír adolescentes).
Esta mestura de intencións, verbalizadas a través de fórmulas tan diversas, lévame a considerar dúas partes nas que se podería dividir o libro. A primeira - ata a páxina 37 –, formada por poemas breves, escritos de xeito prosaico, é unha poesía de personaxes, máis abstracta e tallante, de polifonía sincera entre a sacerdotisa, a analfabeta e a propia voz poética (homónimo trasluz da autora), debatendo os seus desexos. Así, a relixiosa, cativa da fraude literaria e devota da doutrina poética, reclama o coñecemento; a analfabeta prega para non se vender, manterse pura na ignorancia que preserva o sentido, o tacto, o privilexio, as ganas de tirarse; e a terceira presencia, a Yolanda que interpreta as loitas, é a que sabe – seguramente física e intelectualmente - e coñece o final. Así, neste percorrido autocrítico co propio ser (verbo), apaixonadamente “Yolanda” dará de comer o corazón ás bestas, contemplarase belísima, nomearase orfa e estéril (Abortar é unha obriga) sen deixar de mentir – ventrílocua – para aprender a inenarrable alegría de ter casa, isto é, de ser eu.

A segunda parte – dende a páxina 41 ata o final– constitúena varios documentos íntimos (diarios, cartas, anotacións sobre o cotiá, escritos sobre unha lectura favorita...) que intentan transmitir esa inquietude de ser outras.
O anhelo de ser futura, de chegar limpa á historia real, cotiá - renunciando ó tráxico amor á dor -, pero non por iso menos subxectiva e fantasiosa, é a ponte, formulada con estes dous versos,

que nos levará á segunda parte, traspasando a liña dos aforas e os adentros, é dicir, o espello, co asombro puro dunha Alicia ferida nas catro ficcións ou libros anteriores da autora, agora esnaquizados cristaliños reflexos.
Os textos que forman esta sección, son unha forma de comunicarse, ben coa mesma voz da que xorden, coma se doutro personaxe se tratase, como sucede na extensa misiva á Yolanda que acolle (farame un fogar paupérrimo entre os seus brazos de mundo); no relato ó amado, como chamada/recordo resignada/o; no falso diálogo coa autora (- Agarda. Isto é un labirinto de espellos e á orixinal xa non a recoñezo); ou nos berros escritos no reflexo roto e composto (SON A EGOÍSTA PORQUE ESTÁ SOA).
Ou ben, establecendo esa comunicación co exterior, como se lee na lista de preguntas existenciais (por exemplo: ¿De que ventrílocuo somos?); ou na escena teatral, reescritura da historia de O Amante de Marguerite Duras, en clave persoal (Eu contareiche dela, da miña relación con aquela rapaza (...) Porque en nada me recoñezo); no diario que permite anotarse poeticamente (Na parada do autobús coincidín cun rapaz fermosísimo. “Quero respirar na mentira que crea teu corpo...”); e na carta á amiga escritora, plagada de presencias de poetas vivas, outras que ben poderían ser ela, ou permitirlle a Yolanda Castaño, identificarse. Pero non lle é posible á muller que escribe sentirse parte, nin desta xeración literaria, nin doutra brigada feminista (eu xa non son daquelas que tiveron que traballar para “nosoutras” ). Nembargantes, o libro, ademais de erixirse como unha vinganza ó mundo da literatura acrítica cos presupostos artísticos, coas convencións creativas - reivindicando o posmoderno dereito a non ser orixinal - contribúe ó recoñecemento das egoístas, que poderiamos ser todas.

Este traballo exhaustivo, deixa á autora nun lugar interesante na poesía galega contemporánea. Entreliñas podemos descubrir que de ningunha maneira a escritora se permitirá percorrer camiños alleos, perseguir ás tentacións do éxito. Comprométese neste texto a ofrecernos de aquí en adiante, lágrimas de diamante, non solo gotas salgadas. Debemos celebralo.
Reseña escrita no 2003 cando saiu o libro.  
Publicada en Andar21 e Hiperferia#7 no 2004 e en  Andaina nº 36
e logo publicada pola autora na súa web: www.yolandacastano.com