Amosando publicacións coa etiqueta Poesía galega en Madrid. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poesía galega en Madrid. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de abril de 2015

F i s t e r r a s. Unha antoloxía para volver á terra


A piques está de sair unha nova antoloxía por parte do Grupo Bilbao de poetas galegos en Madrid que inclúe poemas de: Rita Capucho, Ana Cibeira, Xavier Frías, Yolanda López, Verónica Martínez, Pilar Mera, Marília Miranda Lopes, Manuel Pereira, Luz Pichel, João Rasteiro, Begoña Regueiro, Victoria Veiguela, Montserrat Villar González y Rafael Yáñez, Miguel Ángel Yusta.
A edición está coordinada por Xavier frías e Rafa Yáñez e editada por Lastura Ediciones. 
Estade atentas!

[A foto é da editora] 

sábado, 25 de outubro de 2014

"Esferografías" de VVAA, Editorial Lastura

Aquí vai a  reseña da antoloxía Esferografías (Lastura, 2014) que está composta por poemas do Grupo Bilbao de poetas galegos en Madrid. Esta recensión vén asinada por Vicente Araguas (él mesmo poeta participante no libro) e foi publicada o 19 de Outubro no suplemento "Nordesía" do Diario de Ferrol.
 Aquí vola deixo.
Que non bilbaínos, claro, que eu ando a falar desta tropa que se xunta cada mes no Café Comercial da madrileña Glorieta de Bilbao. Si, onde estaban aqueles “pocitos de nieve”, dos que xa falara Don Benito Pérez Galdós (quen soubera do atentado mortal contra Don Juan Prim y Prats entrando, ou saíndo, do devandito café, días de decembro de 1870, pois). Pociños da neve para manter fresquiños os beberetes no duro estío madrileño, antes de que se inventaran as argalladas refrixeradoras que hoxe coñecemos. Para estes veráns mesetarios, cando os tertuliáns do Comercial saímos a fume de carozo camiño de outras derivas.
Pois ben estas tertulias (hai quen lles prefire chamar faladoiros) foron ocorrencia do moi bulidor e argalleiro Xavier Frías Conde, que é (“just for a change”) quen coordina o libro que hoxe teño diante miña. Esferografías (Lastura, Ocaña, Castilla-La Mancha, 2014).
Trátase dun volume nada voluminoso, fermosamente maquetado (e maqueado, permitáseme o coloquialismo), que insire dez poetas dos habituais (uns máis que outros) no café que rexenta a familia Contreras, frecuentado por Don Antonio Machado, veciño del poisque a súa derradeira morada madrileña fora na Calle General Arrando, a unha carreiriña de can da Glorieta.
Eu quero dicir, facendo lóxica omisión de quen isto asina (tamén presente no libro, cun avance ou “tráiler” da súa “work in progress”), que aquí hai poesía, e en xeral, poesía boa. Atopamos no libro donas como Luz Pichel, unha das grandes do momento galego, Ana Cibeira e Verónica Martínez Delgado, transgresoras e revoltadas, ou Begoña Regueiro e Montserrat Villar González, música ben temperada en ambos casos, máis de interiores a primeira, cousa salgada e con maruxías, pois, a segunda. Entre eles, Xavier Frías, pai do invento (e aínda dos inventos), erotómano para o caso, cal esa cuncha que ven sendo en checo, lastura, precisamente.
E tamén Luis Luna, autor desta volta duns prosemas (que diría Ángel González) con fondo e forma, enxeño e sabedoría. Logo está Manuel Pereira, a afondar en si mesmo nun xogo de espellos orixinal e senelleiro (cal o oficio poético, por el tan transitado). E, por fin, Rafael Yáñez, glamuroso eexacto, poeta de longo percorrido que se insinúa detrás dunha poética que opera baixo mínimos; moi gratificante xa que logo.
Quixera dicir tamén que, a risco de semellar da Confraría do Santo Reproche, que vai sendo horas de que muden as cousas para os que escriben (escribimos) en galego fóra de Galicia. Que se vexa que esta tropa tamén existe. Que por moi pouco doado que sexa pronunciarse en galego entre Fuencarral, Luchana, Sagasta e Carranza (os límites de Bilbao, lástima fora), isto é o que hai. Un choio fermoso o de Lastura, baixo da man comunada do Frías e de Lidia López Miguel. Pois.


Vicente Araguas


mércores, 27 de agosto de 2014

Visión interna. Un novo artigo de Xavier Frías sobre o Grupo Bilbao (Poetas galegos en Madrid)


Unha visión do Grupo Bilbao  dende dentro é este artigo que se pode ler aquí, do profesor da UNED  Xavier Frías, tamén escritor e participante do colectivo e sobre todo coñecido como dinamizador das aventuras editoriais deste proxecto de poetas galegos en Madrid no que andamos metidos.

 Ademáis, se queredes achegarvos ao traballo dos poetas que conformamos este colectivo, déixovos coa foto a referencia bibliográfica do libro que editou Amargord no 2012 eque ten por editor literario a Luis Luna. A edición é bilingüe en galego-castelán.

Aquí deixo un par de videos da presentación, alectura do meu poema "O dedo na mazá" e os versos de Viki Veiguela.



O meu poema "O dedo na mazá"


Recito versos de Viki Veiguela
Máis videos sobre a presentación, aquí





Tamén podedes atoparnos na máis ampla Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía gallega contemporánea, unha edición de Antonino Nieto en ediciones Endymion. Aquí podedes ler unha reseña de Ramón Irigoyen sobre a antoloxía. Nela atoparedes a poetas del grupo Bilbao e a outros moitos dos que cultivan a lingua galega. Esta antoloxía como o seu nome indica é moi amplia e amosa un gran abano de nomes, consagrados e emerxentes. É un luxo poder facerse con ela. 


E sobre todo, como autores individuais, podedes atopar títulos de algúns de nós na colección "O Roibén" da Editorial Lastura. Tanto en edición monolingüe aquí, como en edición bilingüe galego-castelán, aquí.

sábado, 19 de maio de 2012

Letras e Letras Galegas en Madrid


O 24 de Abril celebramos o día do libro na Complutense cun recital do Grupo Bilbao (poetas galegos en Madrid) grazas á organización e xestión da Centro de Estudos Galegos (Carmen Mejía e Ricardo Pichel) e foi espectacular, como xa vos adiantei. 

Esta semana (16,17 e 18 de Maio) celebráronse as letras galegas con diversos actos oraganizados polo de CEG da Complutense, a UNED o Espazo de Linguas Ibéricas e a colaboración da tenta-libraría galega en Madrid ATURUXO. 



venres, 27 de abril de 2012

Conxuro contra cuspe

Belísimo recital que me fixo sentir millonaria. Millonaria de paz e de sorte. Sorte de que a miña perna rozara a Casa Pechada de Luz Pichel, de respirar o mesmo ar ca ela á que lle medraron os pulmóns  no Deza como á mamá e ó papá. Tentando que a transfusión da súa lingua chegase dura, directa e adictiva. Tentando todo iso que o material nos ensina que nanai e os humanos que comparten terra connosco sorrin e asinan a cotío NON Ë POSÍBEL, co seu farrapo de lingua. Asinan con cuspe no noso corpo frío. 
Pénsannos mortas pero estamos durmindo. 
O que vivín ese tempo foi tan real coma os meus dentes. E isto é só a verba intravenosa, cando descanse contareivos do encontro con todas esas belas persoas: Carmen e Ricardo, Xavier e Vicente, Bego e Manuel, Jose e Miguel, Carmen, Silvia, María Jesús, Alexandre. 

domingo, 22 de abril de 2012

Recital Semana das Letras UCM 2012



Recital Poético del Grupo Bilbao (Poetas galegos en Madrid): 
Martes 24, a las 18:30 en la Biblioteca María Zambrano de la UCM
Aló estaremos algúns dxs poetas do Grupo Bilbao... por se queredes vir! 
O evento no facebook... para compartir, aquí.
Graciñas

martes, 14 de febreiro de 2012

Arrebato



Presentación Pintalabios Madrid from anac on Vimeo.


máis fotiños da presentación, textos que lemos e impresións... coming soon.






[foto gaelx (graaazas!), video tita (muaaaa)]

luns, 16 de maio de 2011

Support us!


Mañá estaremos polo centro gallego da praza de Jacinto Benavente recitando polas letras ás sete da tarde... jejeje, support your local poet!
(e o martes andaremos polas Escuelas Pías -Lavapiés- UNED presentando microrrelatos e escoitando a Luis Luna falar sobre Lois Pereiro)




[cartel da felguera de terroristas culturais, xenial!]

luns, 4 de abril de 2011

Dourada Resistencia en Madrid



SÁBADO 9 ABRIL PRESENTACIÓN-RECITAL
SÉTIMO ANDAR, POESÍA ALÉN
do colectivo "A porta verde do sétimo andar"

Coa presenza de: ALBERTE MOMÁN, ALFONSO LÁUZARA, ANA CIBEIRA, MIGUEL ÁNGEL ALONSO DIZ, RAMIRO VIDAL ALVARINHO. E de poetas do Grupo Bilbao (Madrid)

Librería La Marabunta (C/ Torrecilla del Leal, 32, Lavapiés, Madrid) ás 20.00 horas

Leremos poemas, falaremos do libro Sétimo andar, poesía alén que xa leva na rúa dende Septembro 2010 e do que xa quedan poucos exemplares e tamén de De Castro - a revisión de Alba e Alberte da palabra rosaliana-, convidaremos a recitar poemas propios, convocaremos ás voces de Alba, María N., Rosa, Manolo que quedaron na casa pero andan sempre connosco, brindaremos por este ano de proxectos compartidos e outros que se están xestado e celebraremos tamén a publicación do meu Pintalabios,
e coñeceremos á xente e o proxecto de La Marabunta...
todxs sodes benvidxs!



[Esta semana subo unha biobibliografía de cada un/ha de nós e traduzo o textiño...volvede por aquí!]



luns, 23 de agosto de 2010

Nova Galicia-hoxe do Recital en Couceiro (Agosto 2010)


VOCES DE AFINIDADE
 20.08.2010 Cinco poetas galegos vinculados dalgún xeito ao Grupo Bilbao únense na Librería Couceiro de Compostela para facer mañá un recital titulado "Os Camiños de Oz.


O recital titúlase Camiño de Oz pero non ten nada que ver co Camiño de Santiago, aínda que se celebre en Compostela: mañá ás sete e media da tarde na Librería Couceiro, en pleno corazón da cidade e do tránsito de peregrinos. Tamén ía ser un recital de presentación en Galicia do grupo Bilbao, que reú- ne unha serie de poetas galegos asentados en Madrid, pero a imposibilidade de conciliar horarios -e vacacións- converteuno nun "acto de afinidades poéticas" entre tres membros do grupo -Ana Cibeira, Begoña Regueiro e Xurxo Fernández Martíns- e algúns dos seus poetas paralelos: Emma Pedreira e Dores Tembrás.
Todos eles serán presentados por unha das críticas literarias máis recoñecidas do país: Teresa Seara.
O grupo, apunta por teléfono Ana Cibeira,organizadora do acto, reúnese unha vez cada mes no Café Bilbao, de aí a súa denominación. Nel conflúen poetas sen obra individual publicada e outros de traxectoria longa, como Vicente Araguas Fermín Bouza Álvarez ou Manuel Pereira Valcárcel. Nesas reunións, engade Cibeira, "falamos das nosas cousas e de poesía"
Unha das súas últimas actividades pública foi o 17 de maio na Uned de Madrid. Alí presentaron unha antoloxía do grupo, realizada por Xabier Frías e titulada Abranguendo marés nos pousos do café. Foi "un encontro decisivo porque o grupo se reforzou e eu calculo que no outono nos presentaremos en Galicia".
Con Emma Pedreira -unha das poetas que nos últimos anos se enfrontou á renovación da lírica feminina en Galicia-, Cibeira mantén unha estreita amizada e unha colaboración regular. Ademais de poeta, fai colaxes e ilustroulle Xoguetes póstumos, un libro que a Pedreira lle valeu o Premio de Literatura erótica Illas Sisargas 2009. Ese traballo, o primeiro que realizou como ilustradora, serviulle de acicate e desde entón, publicou colaxes en distintas revistas.
Ademais das antoloxías do grupo Bilbao, tamén pode rastrexarse a obra de Cibeira en volumes colectivos, como o volume Letras Novas da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou Poesía alén, do colectivo A porta verde do sétimo andar.

Publicado en Galicia-Hoxe o 20 Agosto 2010.