Amosando publicacións coa etiqueta Diario dunha burguesiña algo masoca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diario dunha burguesiña algo masoca. Amosar todas as publicacións

domingo, 29 de novembro de 2009

Diana Prince ou Wonder Woman

 

Nome e apelidos. Iso é o que hai que ter. A diario móvome con xente que se abraia de que as miñas compañeir@s literari@s teñan nome e apelidos, e elas/es, @s da arte da rúa, @s do punk non os teñen... as súas pollas están mortas, afeitan ós cadelos, aman o ozono, non deixarán que salves este mundo e tampouco respectan o "c" pequerrechiño que vive nunha burbulla, refuxio do binomio da identidade oficial. Eu vivo na Illa Paraíso, sen mollar os peciños, arroupada por unha capa de terra quecida ó sol. Pero hoxe chegou ás miñas mans un incrible fanzine que edita o Arnau en Barcelona e decateime de que o meu temor a que os meus poderes non o sexan fóra do paraíso segue aquí: a pesares de atender ó estado da marea, de visualizarme atravesando o azul, continúo sen obedecer o bombeo do meu salvaxe corazón; Felices xuntas, Feliz e sangrando. Diario dunha burguesiña algo masoca, Máis turbación, Travesti, Noites estrañas ou o pisiño de solteira, Maldita sex@, Persuasión femia, e A morta seguen sendo só requeridas para algunhas lecturas familiares, aínda que algunha pasa un chisco de moda e outras ségoas a sentir imprescindibles ningunha viaxa fóra desta illa sen rexistrar no mapa; ás ducias de collages pásalles o mesmo, e realmente quixeran coller ar pola fiestra cal toallas ó vento, emprendendo o voo comigo, como se me fosen un ramo de coridas capas da muller marabilla!

martes, 6 de decembro de 2005

III




*
MALAS TERRAS




Estabamos en Alabado Sea El Cielo, o patio era de cemento gris duro,
se caes aí fixo que rompes as coxas e vas para monxa.
*
Estaba moi lonxe aínda da bola de lume que asusta a mamá,
viuna por televisión e prometeu non mirar máis ó ceo .
Non sabía que era asi. Incrible, pero certo. Vimos da Cruña pola autopista.
Non teño medo de nada estou enfadadísima así que canto e só lle resposto
ao que conta abraiada sobre o sol, que comeza a poñerse empañándonos
pouco a pouco os ollos de roxo. Este é o conto de nunca rematar.
Remo con estes brazos na inundación de sangue inocente,
culpa de Tifoidea, batalla final, a guerra non declarada de Bloody Mary,
restos do problema de Marnie, a ladroa.
Arden de veras. Moito máis cando é de noite.
*
Estabamos nun lugar demasiado tranquilo para ser real,
dábannos luz e calor raios saídos
directamente das palmas de María virxe para nosoutras
vivindo entre os anxos
rodeadas de estatuas douradas, camiños verdes, sen saber da vida púrpura
nesta Compostela inundada ata o mes da milagrosa, soberana das flores,
deixabamos pasar o tempo descolorido e suxo.



*
Agora a tristeza é unha casa e o medo ó reflexo
películas de Ripstein e Belle de jour.


*
Teño doce anos. Quero roubar froita. E un grande amor que me arrastre


polo pelo mentres a chuvia rompe os cantos destas malas terras.


Sego querendo o mesmo.


Feliz e Sangrando, 1999, Inédito]

*

II

- ¿Que é o que ten dios polo que debo perseguilo?
¿Cantas cousas debo saber antes de abrir a boca?

- Estás furiosa e está prohibido.
Este é o xardín da diversión, da custodia e do amplo sorriso.
Saída non hai: estás espida - estás furiosa - estás soñando - está prohibido.
Se queres tenta adiviñar o que el pensa,
pero non queiras comprendelo.
Está prohibido.
Por aquí , como podes ver, non hai curvas, nin pedras na estrada,
nin babosas xigantes ás beiras do camiño,
todo é limpo e fíxate ti , xa non súas...
o noso legado é unha liña continua como un muro purísimo
na autopista máis concorrida da provincia, para ti...
triunfadora, querida...

- ¿As cancións?
- Si, si , por suposto están prohibidas.

- Mátame se cres que vou quedar a averiguar se estou morta ou algo millor.




[De Diario dunha burguesiña algo masoca.
Feliz e Sangrando, 1999, Inédito]

mércores, 30 de novembro de 2005

Diario dunha burguesiña

XAMONXAMONXAMONXA...

I

Quería rezar ata que non quedase máis que o sol...


Os meus tacóns son tabúes líquidos
esta mañá mamá taladra as paredes con
cancións de misa, rezos con ritmos, pantasmas sacras
que colgabamos na porta da entrada,
ningún anxo.
Quere luci-los cadros e perderse
nos camiños construídos durante todos estes anos
a base de óleo e cedras de pelo de marta grumbacher
dos pinceis traídos de América,
irremprazables.

Daquela só había un sitio para min
colgábame do pescozo o colexio de monxas
repuxado dentro da medalla que gañara por méritos propios:
silencio e bo comportamento.
Esta é unha historia terrible áceda e suxa
pero ata que unha non canta en alto
non descobre os pecados:

deixarei caer o vestido
para manchar as follas
será igual de noxento que pensar no bolo alimenticio
baixando a gorxa cada vez máis enorme penetrando
o estómago nos libros de quinto;
así é como maría jesús frega as escaleiras e coida a portería
mentres sor custodia atende a secretaría
chegan rumores de que a literatura en oitavo vai ser difícil:
non deixa poñer as tildes os puntos e as comas
ata o final do dictado.

Agora sei que todo o que escoitei naqueles días perdidos
era mentira.
O único que permanece indescifrable é o que ocorría dentro
do ximnasio ós mediodías e a vez que eugenia me ensinou
un pube incríblemente hirsuto ós once.

Tiven que escribir mil veces o meu nome antes de coñecerte
termita e pobre
porque o mundo vai por partes e esta relixión
digan o que digan
canta no inferno
coñece a tristeza de despois do sexo pero iso é un segredo
e tamén estes tacóns suxos do sábado mencendo.


II


...pero o número trece é un gato negro que se cruza entreaspernas,
ou algo peor, unha gata]


Antes dos trece non había gota de auga
despois da estación das chuvias medrou o bosco,
sucederon incendios provocados por guerrillas verdes
armadas e camufladas contra o exército de liberación
os inimigos, vencedores, arrebatáronme a tranquilidade
no val onde nacen os terremotos
críanse tremendas as serpes
e sangrei.

Atopeime con dedais no sitio das unllas
cunhas pernas tan peludas coma as das tarántulas
tiven que suxeitarme ao chan
mentres tremía o ceo
para recuperar a canción que me viñera á boca un día calquera:

teño un pecado de seda
morada e penitente
puntillas áureas
e enrugas verdes,
sentimentos de botón enchendo saquiños de lume
escondidos entre a carne
LA RALARA LAROOO ...


III


...quería rezar ata que non quedase máis que o sol e un diccionario de peto.

Comendo pan quente e bebendo leite
a felicidade fráxil e pasaxeira
fixo a súa casa entre as silvas e as flores con venres pola noite,
citas en Ulloa,
piscina os mércores, excursións e segredos
de licor corenta e tres con vodka,

pero sempre hai un pero
e esta vez foi un animal viscoso
chegou saltando de nenúfar en nenúfar
querendo atragantarse coas miñas mentiras
xuroume:

vas ver un montón de min
son un príncipe queimado
no meu reino houbo tres incendios
no primeiro, vin desaparecer a miña nai entre as cinzas,
eu era tan pequeño;
no segundo, unha a unha as miñas concubinas
convertéronse
en chamas e querían levarme con elas;
do último fuxín, ata que nos atopamos;
sufrín o lume, mais non coñezo o amor.

Un bo día decidín baixa-la garda e achegueime para bicalo.
Ó pousa-los beizos naquela viscosidade
converteuse nun sapo,
entón souben que os saquiños de lume, eran bolboretas
que as bolboretas,chamas
e así concubinas deste meu sapo traidor.

Foi entón cando decidín
facerme armar cabaleira andante.
Comezou a guerra non declarada.


[ De Diario dunha burguesiña algo masoca.
Feliz e sangrando, 1999, Inédito]