luns, 4 de xaneiro de 2016

"Cal é a túa relación coa imaxe?"

O outro día topei ao Oliver Laxe e falamos, preguntoume cal era a miña relación coa imaxe. Non atinei a dicirlle que primeiro de todo pintaba, escribía e pintaba, pero escribir me parecía algo que todo o mundo facía... Tampouco atinei a dicirlle que en realidade só penso en imaxes, e iso é polo que eu aínda non escribo.
Logo de topalo, nestes días, tiven que facer os videos sobre os fanzines para mandarlle a Ele Nah para a mostra de zines en Arxentina, e aí volvín ver que toda a miña escrita do 2007-2010 era colectiva e eran imaxes e eran collages de obra doutros... todo iso que un chama D.I.Y pero que está feito de eses "nons" que teñen que ver con non escribir. Non publicar, non permitir que alguén te autorice, non seres un nome (e apelido)... Unha paxiniña dun dos fanzines dos que falo, dos que facía con Jose e con Jaime e con b.- o Rápido, zine de arte política- dicía: ESCRIBIR QUE NO SE PUEDE ESCRIBIR, TAMBIÉN ES ESCRIBIR. Asina este texto b. a miña mellor amiga, que dende os 17 elexiu ser lectora, só lectora, e non escribir.

Non acordei en dicirlle a Laxe que se por min fose, ou se tivera unha casa, quero dicir, se por exemplo tivera mans para a arte, non só para o traballo alimenticio (aquí Ana G. diría esclavista) e non só ollos e ouvidos, seguro que faría cine... Pois non sei por qué digo isto, pero isa é a razón pola que me gusta Amelia Rosselli e a tola de Marosa di Giorgio, e sobre todo, sobre todo Duras, que si conseguiu sair de si e facelo, facer as dúas cousas. Sair da dor, menuda infancia dura, e facer, escribir dende a ferida, nesa imposibilidade da vida material. 
Penso moito nela nestes días de furia e desexo, de vellez familiar e crise persoal. Penso nela como levo pensando toda a vida... pero intensamente. A cada paso lembro cómo na súa escrita aprendín o que era o querer e non ter; o que era avanzar a ritmos que a historia non recoñece; lembro que na súa literatura aprendín o que era a diferenza, vivida dende a igualdade; e obtiven respostas a preguntas sobre o amor entre homes e o incesto, que nin sequera me fixera... si, é que a lin moi nova. Pero agora xa medrada, sego sabendo o importante que é o seu traballo. En qué espello se podería mirar o reflexo da voz humana, en que outras pantallas líquidas sen o seu traballo? Penso nela como nun talismán. Cómo poderíamos sequera seguir pensando e escribir dende a imaxe do desexo se non existise o seu traballo?

Non caín tampouco en dicirlle a Laxe que mamá tamén pintaba en Caracas igual que o seu pai positivaba fotos nun cuarto escuro do apartamento parisino no que vivían, cando el era neno. Si, eu tamén medrei en Macaracuay, pintando entre pocillos de café e mangos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario