mércores, 2 de marzo de 2011

"O que quería é facer preguntas" Oriana Méndez

O poder hexemónico leva á corrupción, é un lugar perigoso onde os egos se senten moi reconfortados. Temos que estar ó tanto do que fan con el os que o teñen.


Jeje, o mesmiño día que lle fan esta entrevista á autora, eu xa teño o libriño nas mans a 626 quilómetros de distancia... así que aquí vos deixo enlazada a entrevista de Montse Dopico en Galicia-Hoxe e algúns versos deste magnífico texto.
Ollade a cita que o abre:


Xogastes algunha vez coa terra? Tede coidado. Eu mestúrome nos asuntos dos demais e tamén nos seus pensamentos. Moitas veces agóchome debaixo porque me avergonzo dos seus segredos. Sabedes unha cousa? eu soñaba con ser tola, grandiosamente tola, como un raio. A miña tara, que é hereditaria, impediumo. Eles, que teñen a sorte de ser tolos, inmunes á tara hereditaria, non o recoñecen.  FLEUR JAEGGY

Pois dende esa voz máis que estraña, estrañada é dende onde fala o por veces eu e por veces voz en off do poemario. Dende esa tolemia exclusiva. Vouvos amosar aquí uns poemas, pero a verdade é que o mesmo que Derradeiras conversas co Capitán Kraft, é mellor lelo como un todo, como un monólogo que dialoga, como unha ristra de preguntas nas que non interesan as respostas, ben porque xa as sabemos e son axitadas para tirar delas e chegar a outros pensamentos, ben porque son dúbidas que nos convidan á acción. Calo xa e déixovos con ela:

O SEU VERDE é magnético
como o núcleo dos planetas vivos.

Centro búsola
falamos dun poder que seca o mundo
con silencios
provoca o contrario a unha catalización:
un cansanzo perenne
unha parálise de extensións insoportables
podo escoitar que se irradia
desde o interior da estrutura
que se abre paso dentro
mantense ata o intre en que os días
deixan de ser neve

Verdes capaces
dun estourido
da eclosión do xeo
do xeo da destrucción da neve
da luz

Esta, non outra
a totalidade, é a causa da súa constante
presenza no sentido
así, unha resurrección pacífica
cando se multiplican as palabras asgnadas

os corpos quecen os astros quecen
os astros viventes producen fendas no universo
deixando só unha calor definida como segue:
calor tecida para a perpetuidade na burbulla do iris

Concibimos un iris nas nosas mans
nas nosas linguas dámoslle formas
resolvemos facer unha criatura tépeda brillante

partindo o aire unha noite de maio
unha noite de maio
unha noite de maio
unha esfera de calor:

que entre o tempo, somos a bigornia


*


EXISTE UN  camiño cara ao vento austral
para encontralo é preciso
posuír
a calma intacta
do centro da terra


*


PERDEREI  a gorza entre o bosque
mentres a voz confire o seu poder
a cada unha das vontades abandonadas
na marxe ennegrecida da luz
baixo o rostro ulcerado das eclipses


*


Ningún comentario:

Publicar un comentario