mércores, 26 de xaneiro de 2011

50 anos de razóns


Memorias dun neno labrego
Este é un libriño que lemos todas no cole, moi triste e moi pequerrecho (aviso a tripulantes, para min isto é o mellor, falo da subxectividade da voz!). Un libro que a xente fixo grande. E ó que cecais  nalgunhas zonas resultará imprescindible polo afastamento xa - a cadea xenealóxica rachada- do rural.
Unha boa nova, tamén polo traballo de C. Pazó. Sempre interesante.
Quen puidera! Homenaxe hoxe en Santiago a Neira Vilas.


Consulta: Cándido Pazó presentou a súa versión das "Memorias dun neno labrego", que estrea o venres
E hoxe en Santiago, presentación da edición conmemorativa de Galaxia.
E aquí a reedición corrente, para mí máis bonita!





[Capas de Memorias... e Neira vilas e Anisia Miranda xogando...]



E no CADERNO ABERTO, Miguel Anxo Ferná Vello di sobre a nova colección "Biblioteca Neira Vilas" de Galaxia...
BIBLIOTECA NEIRA VILAS
Hai que felicitar á Editorial Galaxia pola creación dunha biblioteca de autor dedicada a Xosé Neira Vilas -aquí materialízase iso da xustiza poética-, cando se cumpren 50 anos da publicación dunha das obras máis populares e emblemáticas da literatura galega contemporánea: Memorias dun neno labrego, que chega neste ano 2011 á súa 31ª edición en galego. A Biblioteca Neira Vilas é o primeiro caso entre nós en que unha biblioteca de autor se dedica a un escritor vivo, posibilitando así un espazo editorial destinado á publicación da obra literaria completa dun escritor plenamente activo -Neira Vilas é un autor que non descansa e está cheo de proxectos- e que foi convertido polos seus lectores e pola crítica nun clásico das letras do noso tempo. Eu teño lembrado en máis de unha ocasión como Lorenzo Varela, con motivo da presentación en Madrid da sexta edición de Memorias dun neno labrego -corría o ano 1976-, facía fincapé no inmenso amor aos nenos que Neira Vilas comunica na súa novela: nenos galegos pobres, como Balbino, o protagonista da obra, cos ollos poboados de tristura e de soños, ou como no verso de Manuel María: "nenos labregos de ollos quedos (...), ollos mouros o mesmo que unha noite/ de choiva e vento no corazón do inverno". Memorias dun neno labrego leva vendidos máis de 600.000 exemplares e foi traducida a 17 idiomas, sendo a obra literaria galega máis lida da nosa historia. Por iso a recén creada Biblioteca Neira Vilas abre a colección con este clásico e best-seller galego, que é un dos grandes títulos populares, en palabras de Víctor Freixanes -outro sería o Catecismo do labrego, de Lamas Carvajal-, mellor "acollidos e recoñecidos polo pobo, polo conxunto da sociedade, que os fixo seus e soubo ler neles o discurso do seu tempo". Beizóns, pois, a Galaxia e a Pepe Neira Vilas, escritor de raza, home de letras noso e universal. O número dous da BNV xa está tamén na rúa. Trátase de Cartas a Lelo. 22ª edición. Iso é o que lles acontece aos clásicos. Os lectores non cesan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario