luns, 13 de setembro de 2010

De Madrid ó ceo

Cos nervios emocionados da presentación do próximo sábado, recupero aquí a reseña de Xullo de VICENTE ARAGUAS sobre o noso Marés nos pousos do café. Mostra de poesía en lingua galega en Madrid, que publicou no nordesía do Diario de Ferrol...
alucinante!


***




OS POETAS GALEGOS DE MADRID TAMÉN EXISTEN



Eu acuñara unha frase segundo a cal os autores que escriben (escribimos) en galego fóra de Galicia nin somos nin existimos. Se cadra porque estar, estamos (pero alén de Galicia, en fin). A tal frase fixera certa fortuna, de xeito que aínda serviu como preámbulo a un libro de Xosé Lois García no que este antologaba poetas galegos en Catalunya. Sigo subscribindo a tal frase, só que con matices. Os que escribimos en galego desde o exterior existimos, si, pero básicamente para esas comunidades da Galicia da diáspora que teñen senso cultural ademais das consabidas manifestacións gastronómicas. E antes de que ninguén expoña que eu en absoluto estou ninguneado, que edito con certa facilidade no país, que teño aquí certa presencia en congresos, conferencias e demais, direi que así é, que a queixa non vai a a título persoal senón colectivo, mais tamén que detrás miña hai unha chea (miles) de artigos publicados en galego, con temática múltiple pero incidindo no tema literario, como este que agora ten diante súa. E no que, revindico un mangado de poetas que en Madrid, semiesquecidos, andan a baterse duro por defender unha lingua e a súa formulación literaria. E xa que logo hoxe quero falar de Marés nos pousos do café (El Taller del Poeta, Pontevedra, 2010), subtitulado “Mostra de poetas de expresión galega en Madrid”. Un libro colectivo, presentado por Asunción Canal Covelo, no que se deixan ver ata nove poetas. Eles son: Miguel Barrera, Ana Cibeira, Xurxo Fernández Martins, Xavier Frías, Luís Luna, Manuel Pereira, Begoña Regueiro e Rafael Yáñez. Á parte de quen asina estas liñas, quen por idade ben podería ser o pai de varios dos componentes do combo ou comboi citado, mais que non deixa de entrar nestes saraos poéticos por gañas de enredar ou marear. Por iso que me presta moito o título da escolma, polo das marés, que se debe a unha das escolmadas. Ana Cibeira, a quen “descubro” a través dela e que, sospeito, vai dar moita guerra no mundo das poetícas galegas. Cibeira, libreira en Madrid, en Pasajes, fai unha poesía urbana, radical e diferente, e merecente xa que logo dunha atención moi adicada. Coñezo tamén a través do volume (argallado polo moi bulidor Xavier Frías, escritor polilingüe) a Luís Luna, poeta tan calado como esencial. Dos demais xa teño falado algunha vez. Con todo direi que Barrera é telurista e entregado, que Fernández Martins escribe como fala (e ao falar, canta), que Xavier Frías de puro elemental ten acentos nerudianos. E direi tamén que Manuel Pereira vai cara a enriba, nun voo interior que os do exterior aprezamos alto, que Begoña Regueiro pide licencia para cantar, e cando nos decatamos xa se fixo nosa, puro entrañada. E acabarei dicindo que Rafa Yáñez é moito, desde aquela promesa que auspiciaba El País Tentaciones; agora só falla rematar a xogada. Un libro este que confirma que os poetas galegos en Madrid son, están, existen. Afellas que si.



VICENTE ARAGUAS

3 comentarios:

  1. ¡Enhorabuena por el libro y los elogios! ¡Saludos!

    ResponderEliminar
  2. Mil gracias, JF, sí la verdad es que hace ilusión algo así: sorprende y envuelve! un besote desde aquí, intrépido mensajero!!! mua

    ResponderEliminar
  3. Anónimo2:07 p.m.

    Thanks for the marvelous posting! I really enjoyed reading it, you happen to be a great author.I will be sure to bookmark your blog and will eventually come back down the road. I want to encourage you continue your great writing, have a nice morning!

    ResponderEliminar