luns, 20 de abril de 2009

Pedras preciosas

Como dí un amigo meu: "o máis difícil é sair ó mundo, o demais vén rodado". Pois parece que si, está mañá amanezco cunha proposta de colaborar con esta escritora á que coñecín por correspondencia hai 10 anos e á que sempre persego.

Déixovos un texto seu e unha foto ben bela desta tortura deliciosa que é escribir.



Polo tacto descubrira as mais das cousas; como os pós da mica vella adoitaban apegarse aos dedos cando rozaba as paredes da igrexa; o mesmo coa tinta do xornal do día. E se mollaba coa lingua as xemas dos dedos íanse con ela os cabelos roxos das nenas que bulían fugaces cara á escola pasando polo seu lado, o camiño esbabexado de caracois, a cute liliácea dos allos que espía con coitelos; todo ficaba dentro dos dedos e daba chegado aos ollos por distinto camiño.

Ela non era cega, pero asexando entre portas e dentro de armarios durante toda a vida dera en recoñecer que é unicamente polo tacto que fican dentro do corpo as lembranzas sendo como estigmas. Nin palabra, nin beixo, nin cheiro perduraban tanto no seu corpo como ao marcarse por embaixo do dixital, por embaixo da pel toda, na endoderme, como xuvenca marcada de antigo, papel con cicatriz.

>>>texto íntegro>>>aquí

EMMA PEDREIRA, "Memoria dos dixitais", Dorna nº 28, Universidade de Santiago de Compostela, 2002.

Ningún comentario:

Publicar un comentario