mércores, 5 de decembro de 2007

"HAZ" de luz atravesando as nosas vidas i empuxándonos a facer

Como todo mes de aniversario, este novembro é o máis duro e o máis bonito. Teño entre as mans o fermosísimo HAZ#3, todo un luxo de autoedición, deste artistaza que é Jose e que nos dá unha e outra vez leccións de coidar o máis mínimo detalle e facelo con todo o amor á arte. Non hai nada que explicar deste fanzine. Só hai que velo, tocalo, telo ben a man pra ver que a escuridade está rota de luz; pra lembrar que se poden facer ben e intensísimamente as cousas dende a casa; e deixarnos claro a nós mesmas que se a creación corre por si soa a eses territorios libres e entusiastas ós que nos levan -a xente afín e con proxectos R E A I S-, ha de ser de xeito natural!!!
*

venres, 16 de novembro de 2007

Vítreo novembro

Acaba de chegarme o Inforvoxe 19, o mesmo día que remato de grabar en audio os poemas que alí saen e que a AELG quere incluir nun libro das colaboracións da sección "Letras novas" dos 20 primeiros números desta publicación. Que preciosa experiencia a de grabar a voz co pedaliño de volume, co micro emprestado, soíña e feliz, unha e outra vez atopando a miña voz físicamente no ar deste cuarto propio e amarelo.

*
Onte no concerto de Brötzman, dicíalle ós meus amigos, "aquí todos teñen mínimo un grupo, menos eu", sen lembrar a nova experiencia vítrea, que a pesares de min, xa é realidade. É verdade. Se son colaxera visual, por qué non xogar cos sons? me parto... xa vos contarei en breve, cando saquemos a cintiña. Esquecía este experimentar sonoro...

*
Todo isto vén, porque acabo de visitar a María Lado na súa casatlántica e flipoume "novembro". Que ganas de poder degustar xa os nove obxectos e vivir nesa illa, ese novembro terrorífico que de feito xa coñezo dende nena.
*

mércores, 10 de outubro de 2007

¡Aféiteo, aféiteo!

Parece que non pasa nada e todo o mundo anda argallando o seu. Afeite al perro o selo editor irmauciño quere abrir unha fiestra na rede pra estar máis preto, na realidade- iso sí- de todos, e poder dicir por qué fan as cousas e cómo... a min paréceme fundamental isto: que uns ós outros non só nos motivemos, senón que nos expliquemos e que os nosos proxectos nazan da casa, non das arcas oficiais... así sempre serán nosos e sempre serán puros...
é tamén como cando lees un libro que está tan feito dende dentro que de verdade ti sintes que tamén podes escribir; ou ver arte que é tan libre que che dá ganas de debuxar e debuxar; ou as edicións que están tan coidadas, que che descobren que editar é devecer polos libros... ai! que luns de cohetización...
Pois iso: as revistas de tendencias non existen e menos as gratuitas(¿?), e os lazos reais sí!!!
Quero facer igualiño que as italianas con que o patriarcado non existe... así hai que vivir, pa'diante e coa forza do primeiro latexo.

E para mostra, un botón.

domingo, 16 de setembro de 2007

Implicadas. Pura vida


Emcionada me atopo no blog de Antía Otero, si, "no". Dame tantas ganas de falar eu así. Tan libre coma a corrente. Fluída e fluvial. Con tódalas imaxes que me suxiren as que me atopan.
E tanto máis cando chego ás fermosas-intensas-heroas crónicas de María Reimóndez. Recomendadísima está. A súa aposta, o seu proxecto, a súa mirada.
A través dela véñenseme as palabras de Xohana Torres "OLLOS DA MIÑA NAI, SEN ELES A MIÑA HISTORIA NON TEN OLLOS" e directamente chego á imaxe que eu lle regalei á miña ilustrando esa transcrición. Domingo: descanso e fiíño.

mércores, 12 de setembro de 2007

Anfibias. De sangue frío


 
Atopo o traballo audiovisual de María Ruido na páxina do espazo documental do CGAC (onde tamén podo ver a intensa última traxectoria da miña amiga Ana). Así que me descargo os vídeos que levo querendo ver anos, e desfruto... interesantísimos; carne de galiña tamén, pero ineludibles: "Ficciones anfibias" e "Las narrativas del trabajo" - que dirixe xunto a Montse Romaní e Virginia Villaplana-.
Tamén vos recomendo "La memoria interior", que eu tiven a sorte de ver fai tempo, e sobre todo "La voz humana" en hamaca, un intento de distribuir o videoarte do estado.

martes, 12 de xuño de 2007

"Tara" de Elena Medel & Fanzine "haz"



"AS PERSOAS FELICES NON TEÑEN HISTORIA"

é a significativa e fermosa cita de Simone de Beauvoir que abre o libro de Elena, e con iso o dí todo: posiciónase no mundo dende aquí e pra sempre, anunciando que vestida de outono e non tiradiña ó sol en bikini, a voz elexida vai contar unha historia tan triste como "real" - a adicatoria o aclara.

Pura forza. A morte que me interesa. Leo enfebrecida en días que non pasan gracias ó texto. Non hai ceo por esta lectura de terra que me ten soterrada, prendida ó que sinto como a miña árbore xenealóxica. [O máis importante de coñecernos -agás os proxectos comúns, as ganas de ir vendo cómo podemos coincidir e colaborar - é o feito de ter preto a unha rapaza de hoxe e da mesma xeografía, que pasa polos mesmos lugares ex-céntricos. Que se tatúa favoritos sen inportarlle a natureza deles. Que ten a forza - xunto con Alejandra Vanessa, por suposto - de poñer en marcha o propio proxecto sen queixarse, fóra da casa, do que falta neste sur de Europa no que tan ben vivimos. E esa inspiración e reafirmación de que si, de que unha pode facer o que lle pete, é o millor. A súa xenerosidade ademáis é un regalo-luxo incrible.]

Grabo versos que me son propios e esta voz rítmica cal latexo do corazón que "coincide en tamaño con el hueco de un nicho", estóupame entre as maus manchadas, porque eu tamén "echo de menos el infierno que vendrá".

É un libro río, por líquido e porque vai dar ó mar.
Tara é berro. Ese ton atopado e besbesellante dentro do furor-dor tola, é o máis importante desta escritura. O que fai que sexa necesaria. Que os seus versos sexan libro e non papel.


************************************************************************


HAZ ZINE: ARTE PARA TOD@S
 
Dentro de este sobrecito hay un acordeón que es un dibujo increíble, doble y reversible, que es póster y a la vez libro. Puro arte y actitud punkísima y preciosa: precio simbólico y calidad extrema. Historia de una tranformación con final sorpresa, transmisora de tanta belleza e invitación a que una-o haga lo mismo en su casa. Regalo que no deja indiferente. Que revienta cualquier exposición perdiéndose por el mundo en el bolsillo más pequeñito de los que saben lo que está vivísimo y coleando y merece la pena!


Podeis haceros con él en Bang, La idea, Madrid cómics, y por correo: haz_zine@hotmail.com


domingo, 18 de marzo de 2007

Fanzine "Zapatiños motor"







Nace a nosa editora corazón salvaxe co fanzine. Primeiro número de zapatiños motor. Onte fomos públicas e lazos no concerto de Chris Leo e Tetris: "punk y madera", estes chavales afeitaperros sempre dando no cravo, craviño cravado no corazón.

Moito interés e bonitos comentarios: guau!!!; é lindo pero ó tempo duro, resistente; cantos regaliños e todos feitos a mau? - sí!- ... de todo. Nós entusiasmadas, e aprendendo como nunca... para xa comezar a mover as nosas tripas-a darlle voltas á cabeza-latexar duramente-pró novo número: mutante.¡Enlazádevos!

ZAPATIÑOS MOTOR #1 resistencia & pracer
con regalos revolucionarios: libriños a mau e únicos;
póster central pró cuarto; CRATES,un conto adaptado e ilustrado.
pedidos & colaboracións a
zapatinhosmotor@yahoo.es
Pronto en la idea, traficantes de sueños, bang e no teu buzón! . 1 euro.

**************************************************************************

COLABORADORES: haz de maíz, leslie hoffman, m.b., hugo, lola robles, minus bálido, eva maría stehlik, ingrid, natalia manzano, elvira riveiro tobío, luna miguel, antía otero, miguel llansó, javier termenón, alejandra vanessa, rie okada, ana gil, sofía rhei, jaime, crass by nature. ¡MIL GRACIAS A TOD@S!

**************************************************************************


ZAPATIÑOS MOTOR viaxará a Córdoba este sábado 14 de abril,pra compartir postiño co precioso HAZ#2 e o propio bar sobia#3, que se presenta ese día. Sala freaktown, 22.00 da noite, organizan: as hiperactivas e fantásticas polacas.


**************************************************************************

xa podedes mercar zapatiños motor en la idea (madrid) e en BANG!



**************************************************************************

LAZOS

Novas lecturas e links: Ca la dona (casa do feminismo catalán re-activo), Fem art ( o certame de arte feminista que organizan cada ano ¿o único no estado?); os fanzines Disculpe (www.fotolog.com/cagadaenlamano) , punkismo dende o corazón) e Sickfun, que aínda teño entre maus, pero un dos máis interesantes –e bestias- do panorama fanzinero español. En canto á arte descubro os colectivos Bazooka group, dende os setenta cun ollo político imprescindible, ós incribles Pascal Doury e Bruno Richard e os serigrafieiros Bongoût. ¡Desfrutade!

*
zapatinhosmotor@yahoo.es
nana_coromoto@hotmail.com

domingo, 7 de xaneiro de 2007

Feliz 2007 e Reseña de "O Libro da egoísta" de Yolanda Castaño


¡FELIZ 2007!

Este ano ten unha pintaza incrible. Yolanda Castaño presenta o seu Libro de la egoísta en Madrid, en edición bilingüe... e latexan tamén fresquiños os novos libros de Alejandra Vanessa e Elena Medel. Falando delas, La bella varsovia segue máis reactiva ca nunca e este ano sorprenderanos con bonitos e necesarios proxectos... o fempunk #5 zine xa está en marcha e o noso zapatiños motor a piques de deixa-lo forno... 


*


CASTAÑO, YOLANDA, O libro da Egoísta, Colección Dombate, Ed. Galaxia, Vigo, 2003
Para os dandis como para as mulleres,parecer é ser.
BARBEY D’AUREVILLY


ESPELLISMO DE TINTA


Cántos autores deberían ter realizado este exercicio de aprender a mirar cara a vaidade escritora. Despois da fulminante carreira ó éxito literario de Yolanda Castaño – dentro do que isto pode significar na cultura do noso país – gracias ós poemarios: Elevar as pálpebras (1995), Delicia (1998), Vivimos no ciclo das Erofanías (1998) – tamén traducido ó español– e á antoloxía cantada Edénica (2000), chega O libro da egoísta, unha obra que renova a colección Dombate, da Editorial Galaxia, unha aposta pola poesía, tan necesaria despois da desaparición da colección Ablativo Absoluto de Xerais, e da apurada situación da imprescindible Editora Espiral Maior.


O libro da Egoísta, proxecto xestado mentres se sucedían os catro anteriores, é unha pausa na persoal poética da autora (vitalista e erótica -provocativamente afectada-), unha reflexión persoal sobre o desdobramento que require a creación, un xeito de preguntarse polos desexos modais e lingüísticos do xogar a reconstruírse a través da poesía. O texto presenta a vivencia do percorrido literario da autora, aberto como un pactado compromiso consigo mesma, adoecendo (Amarme con cinco caras que terei que sustentar repartindo doses minúsculas das miñas costelas ós cinco peteiros abertos como fauces) e establecendo un diálogo estético entre sofisticados versos (E así lanzada contra a tarde de dedos implacables que non perdoará arrincarme os lazos) e o discurso propio dunha nena nada tráxica, cercano á vida material ( Xuño podía ser un mes bonito), á poesía oral (Qué horror. Non podo deixar de morder a boca por dentro, até facer sangue), e á literatura dos diarios todos (hoxe fun á saída do instituto ver saír adolescentes).
Esta mestura de intencións, verbalizadas a través de fórmulas tan diversas, lévame a considerar dúas partes nas que se podería dividir o libro. A primeira - ata a páxina 37 –, formada por poemas breves, escritos de xeito prosaico, é unha poesía de personaxes, máis abstracta e tallante, de polifonía sincera entre a sacerdotisa, a analfabeta e a propia voz poética (homónimo trasluz da autora), debatendo os seus desexos. Así, a relixiosa, cativa da fraude literaria e devota da doutrina poética, reclama o coñecemento; a analfabeta prega para non se vender, manterse pura na ignorancia que preserva o sentido, o tacto, o privilexio, as ganas de tirarse; e a terceira presencia, a Yolanda que interpreta as loitas, é a que sabe – seguramente física e intelectualmente - e coñece o final. Así, neste percorrido autocrítico co propio ser (verbo), apaixonadamente “Yolanda” dará de comer o corazón ás bestas, contemplarase belísima, nomearase orfa e estéril (Abortar é unha obriga) sen deixar de mentir – ventrílocua – para aprender a inenarrable alegría de ter casa, isto é, de ser eu.

A segunda parte – dende a páxina 41 ata o final– constitúena varios documentos íntimos (diarios, cartas, anotacións sobre o cotiá, escritos sobre unha lectura favorita...) que intentan transmitir esa inquietude de ser outras.
O anhelo de ser futura, de chegar limpa á historia real, cotiá - renunciando ó tráxico amor á dor -, pero non por iso menos subxectiva e fantasiosa, é a ponte, formulada con estes dous versos,

que nos levará á segunda parte, traspasando a liña dos aforas e os adentros, é dicir, o espello, co asombro puro dunha Alicia ferida nas catro ficcións ou libros anteriores da autora, agora esnaquizados cristaliños reflexos.
Os textos que forman esta sección, son unha forma de comunicarse, ben coa mesma voz da que xorden, coma se doutro personaxe se tratase, como sucede na extensa misiva á Yolanda que acolle (farame un fogar paupérrimo entre os seus brazos de mundo); no relato ó amado, como chamada/recordo resignada/o; no falso diálogo coa autora (- Agarda. Isto é un labirinto de espellos e á orixinal xa non a recoñezo); ou nos berros escritos no reflexo roto e composto (SON A EGOÍSTA PORQUE ESTÁ SOA).
Ou ben, establecendo esa comunicación co exterior, como se lee na lista de preguntas existenciais (por exemplo: ¿De que ventrílocuo somos?); ou na escena teatral, reescritura da historia de O Amante de Marguerite Duras, en clave persoal (Eu contareiche dela, da miña relación con aquela rapaza (...) Porque en nada me recoñezo); no diario que permite anotarse poeticamente (Na parada do autobús coincidín cun rapaz fermosísimo. “Quero respirar na mentira que crea teu corpo...”); e na carta á amiga escritora, plagada de presencias de poetas vivas, outras que ben poderían ser ela, ou permitirlle a Yolanda Castaño, identificarse. Pero non lle é posible á muller que escribe sentirse parte, nin desta xeración literaria, nin doutra brigada feminista (eu xa non son daquelas que tiveron que traballar para “nosoutras” ). Nembargantes, o libro, ademais de erixirse como unha vinganza ó mundo da literatura acrítica cos presupostos artísticos, coas convencións creativas - reivindicando o posmoderno dereito a non ser orixinal - contribúe ó recoñecemento das egoístas, que poderiamos ser todas.

Este traballo exhaustivo, deixa á autora nun lugar interesante na poesía galega contemporánea. Entreliñas podemos descubrir que de ningunha maneira a escritora se permitirá percorrer camiños alleos, perseguir ás tentacións do éxito. Comprométese neste texto a ofrecernos de aquí en adiante, lágrimas de diamante, non solo gotas salgadas. Debemos celebralo.
Reseña escrita no 2003 cando saiu o libro.  
Publicada en Andar21 e Hiperferia#7 no 2004 e en  Andaina nº 36
e logo publicada pola autora na súa web: www.yolandacastano.com