venres, 13 de xaneiro de 2006

III



LAGAÑAS
*
*
GRANDES SUICIDAS coñecéronse por casualidade nun concerto de TURBONEGRO darkness forever e decidiron, despois dunhas cantas conversas de tarde formar un dúo de rock. Pola noite coñécese, pola tarde lígase. Anque este era outro tipo de amor, polo menos ata o primeiro día de ensaio cando ela dixo “estou ansiosa por proba-lo micro” ao tempo que se limpaba unha lagaña coberta de rimel de onte coa puntiña da unlla do meñique. “Teño máis lagañas?- preguntoulle mentres lle viña á mente a cara imperativa da súa nai repetindo os ollos ráscanse cos codos, con voz melosa pero efectiva, os ollos (e aquí facía unha pausa para advertir) ráscanse cos codos- é que cada vez que poño as lentes de contacto se me multiplican”. Primeiro el pensou que era a moza máis natural que coñecera nunca e polo tanto a máis bonita e despois achegouse a ela e colleulle a cabeza por detrás pousándolle os polgares na fronte estreitiña para ver millor as pestanas, e con toda a súa atención e algo de cariño lambeulle tódalas lagañas dunha soa vez e tragounas con fame e cunha cara que era a cara da santa bendita señora Felicidade. Así naceu a primeira canción dos GRANDES SUICIDAS: “Os ollos ráscanse cos codos”, adicada por suposto a tódalas mamás.

*

[De Noites estrañas ou O pisiño de solteira, 2000, Inédito]

*


Ningún comentario:

Publicar un comentario